Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso organiza un campamento de Entroido para os días 8 e 10 de febreiro


O Concello de Oroso ofrece ás familias do municipio unha nova iniciativa de conciliación familiar para as vacacións escolares do Entroido: o Carnival Camp. Trátase dun campamento dirixido a nenos e nenas de 3 a 12 anos de idade e que terá lugar durante o luns 8 e o mércores 10 de febreiro, cun horario que se adapta ás necesidades das familias.

O horario inicial será de 9:00 a 14:00 horas, por un prezo de 12 euros. Un horario que se poderá adaptar ás necesidades de cada familia, nunha horquilla horaria que vai das 7:30 ás 15:30 horas. Cada hora adicional terá un prezo de dous euros. Ademais, poderase optar por servizos adicionais como almorzo, xantar e merenda, por 2, 5 e 3 euros, respectivamente. As familias interesadas en participar deberán anotarse previamente no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa de Sigüeiro (981 690 903).