Friday 22 de November de 2024

O 2 de xuño volve a 10K Carballo, que nesta edición será sede do Campionato de Galicia de 5k en ruta


O prazo de inscrición abrirá ás 00.00 horas do luns 15 de abril

Carballo acollerá o domingo 2 de xuño a 12ª edición da carreira popular 10K, un evento deportivo multitudinario que organizamos dende o departamento de Deporte, e no que contamos coa colaboración das entidades deportivas locais. O prazo de inscrición abrirá ás 00.00 horas do luns 15 de abril e poderá realizarse nesta ligazón.

As características xerais da proba non varían con respecto á pasada edición, é dicir, mantemos as probas de 10 km e 5 km, así como todas as categorías, desde nenos e nenas nados/as no ano 2021 ata maiores. A única novidade é a renovación do circuíto como consecuencia das obras que se están a executar na zona urbana.

Por segunda vez celebraremos a proba de 5 quilómetros, incluída este ano no Campionato de Galicia de 5K en ruta, co cal acudirán a Carballo os/as mellores atletas galegos/as da disciplina.

A 10k Carballo forma parte do X Circuíto de Carreiras da Deputación da Coruña, no que está valorada como a segunda mellor, só superada en décimas de puntuación pola Sin-Son.