Friday 22 de November de 2024

O ensaio Da caverna a acrópole une filosofía e educación


O público da Pobra do Caramiñal asistiu na tarde do 12 de abril á presentación do ensaio Da caverna a acrópole. Un camiño cara a educación crítica, de Ciro Briones. Con esta obra, o autor une filosofía e ensinanza, poñendo o foco na importancia da construción do pensamento crítico para o desenvolvemento persoal e académico do estudantado.

O acto desenvolveuse no Auditorio do Museo Valle-Inclán coa participación do escritor arroupado pola concelleira da Cultura, Patricia Lojo; o integrante da A. C. Barbantia, Xesús Laíño; a representante do Departamento da Lingua Española da UVigo, Ana Fernández; e o director do Servizo Publicacións da UVigo, Jorge Luís Bueno.

Durante a súa intervención, a edil enxalzou as posibilidades da filosofía para tódolos ámbitos da vida, incluídas, por suposto, as diferentes manifestacións artísticas. “A filosofía é unha materia moi valiosa no ámbito académico, especialmente, na adolescencia; uns anos cruciais no desenvolvemento da personalidade e na aparición de moitos dos intereses que manterán cando sexan adultos, por iso teñen que facerse preguntas, dubidar e explorar para formar un criterio propio e determinar uns valores”, declarou.

Este libro tenta, en definitiva, reivindica-la conciencia persoal e social como parte da formación educativa e indaga nos autores e autoras referentes do pensamento ao tempo que aporta interesantes propostas educativas.