Friday 22 de November de 2024

Arrincan as actividades de conmemoración do ‘Ano de Xoán Vicente Viqueira’


· Alumnado de 5º e 6º de Primaria e de Secundaria mergullaranse no “universo Viqueira” a través duns talleres impartidos por Dores Tembrás.

O CPI Cruz do Sar acolleu esta mañá o primeiro dos actos de conmemoración do ‘Ano de Xoán Vicente Viqueira’. Nel, o alumnado de Secundaria do centro bergondés traballou, guiado pola autora natural de Bergondiño Dores Tembrás, sobre a poesía do escritor. O obxectivo deste taller é que os e as mozas aprendan sobre a creación literaria dun dos seus veciños máis ilustres, para despois poñela en práctica.

Así, nas próximas sesións deste taller, despois de empaparse da obra de Viqueira, o alumnado deberá escribir o seu propio texto (poesía ou prosa) no que o protagonista debe ser a noite, vinculando esta con o territorio. Para iso, os talleres partirán do poema ‘De Miguel Ángel’, no que Viqueira fala desde a voz da escultura ‘A noite’.

O obxectivo é construír, entre todos e todas, un caleidoscopio da noite en Bergondo. Con cada unha das achegas particulares crear unha panorámica da noite bergondesa, traballando cos sentidos e abordando ese misterio da noite para penetrarse máis no mundo de Xoán Vicente Viqueira.

Ademais, tamén haberá outro taller para o alumnado de 5º e 6º de Primaria no que elaborarán, a partir das pezas que cada un compoña, un ‘Calendario Viqueira’, no que as distintas parroquias e lugares configuren as catro estaciones: o outono en Vixoi, o inverno en Guísamo, a primavera en Bergondiño ou o verán en Rois.

Estrea do logotipo do Ano Viqueira

Ademais, neste acto estreouse outra das iniciativas que o Concello desenvolve para celebrar o ano de Xoán Vicente Viqueira. Nas aulas estaba presente o roll-up co novo logotipo deste ano especial, que o Concello utilizará a partir de agora como parte da súa imaxe corporativa.

Recoñecemento a personaxes ilustres

O Concello de Bergondo quere poñer en valor aos seus veciños máis ilustres e, por iso, dedicou este 2024 a Viqueira. Pero a iniciativa estenderase durante os próximos dous anos, dedicando a Florencio Vaamonde Lores o 2025 e a Filomena Dato Muruais o 2026.

O obxectivo é poñer en valor a estes autores e autoras, difundindo a súa obra e legado mediante actos e actividades, implicando á comunidade educativa do municipio e asociacións culturais que estean interesadas en participar nestas homenaxes.