Actuarase en 300 km de estradas, 83 km de camiños forestais e preto de 32 hectáreas de terreos.
O Concello sacou hoxe a licitación os contratos do servizo de roza e desbroce de cunetas das estradas e parcelas de titularidade municipal. A finalidade é acometer durante os próximos meses os traballos de eliminación da vexetación herbácea nas marxes das vías para frear o seu crecemento, mellorar a visibilidade dos condutores e peóns e reforzar a seguridade viaria, ademais de previr riscos de incendio e manter o ornato público.
En total o Concello destinará 140.000 euros procedentes integramente de fondos municipais para actuar en máis de trescentos quilómetros de estradas municipais, 83 quilómetros de pistas forestais e preto de 32 hectáreas de terreos e parcelas de titularidade municipal que non están incluídos no contrato do servizo de limpeza e mantemento de zonas verdes.
Co propósito de axilizar as traballos, cada licitante só poderá resultar adxudicatario dun dos cinco lotes nos que está dividido o contrato, e que son os seguintes:
• Lote 1. Estradas municipais das parroquias de Cabovilaño, Caión, Lemaio, Lendo, Torás e Vilaño.
• Lote 2. Estradas municipais das parroquias de Coiro, Erboedo e Soandres.
• Lote 3. Estradas municipais das parroquias de Lestón, Golmar, Montemaior e Soutullo.
• Lote 4. Camiños forestais de todo o termo municipal.
• Lote 5. Parcelas e terreos de titularidade municipal.
Os pregos que rexerán o procedemento xa están dispoñibles para a súa consulta na Plataforma de Contratación del Sector Público. O prazo de presentación de ofertas permanecerá aberto ata o 29 de abril.