Friday 22 de November de 2024

Os Concellos de Frades e Oroso organizan conxuntamente unha viaxe a Cantabria, Bilbao e Asturias do 13 ao 16 de maio


O Concello de Frades e o Concello de Oroso colaboran na organización conxunta dunha viaxe a Cantabria, Bilbao e Asturias, que terá lugar do 13 ao 16 de maio. Trátase da primeira ocasión na que ambos os dous municipios comparten a organización dunha actividade deste estilo.

A participación está aberta a todo o mundo, se ben o número de prazas é limitado e terán preferencia as persoas empadroadas ben en Frades ben en Oroso. As inscricións poderán realizarse en cada Concello do 22 de abril ao 3 de maio, tendo en conta que o número do asento no autobús será outorgado por orde de inscrición.

O prezo da viaxe é de 375 euros e inclúe tres noites nunha habitación dobre no Hotel Astuy (establecemento de 3 estrelas en Isla Cantabria e emprazado a pe de praia) e visitas a localidades como Bilbao, Santander, Santillana del Mar, Castro Urdiales, Laredo, Santoña, Cudillero ou San Vicente de la Barquera, así como a lugares como o parque de natureza de Cabárceno ou á sidrería Yagar de Güelo.