Saturday 16 de November de 2024

Bouza pide celeridade ao goberno local na tramitación da declaración de Santiago como zona residencial tensionada


“Non podemos permitir que a mocidade que vén a estudar a nosa cidade teña que volver a buscar piso no vindeiro curso sen que este trámite estea concluído” afirma

Acusa á Xunta de dificultar a tramitación e lamenta que o 50% dos fondos destinados ao acceso da vivenda da Xunta de Galicia do 2023 quedasen sen executar: “parécenos un drama absoluto”

Acelerar os trámites para a declaración de Santiago como zona residencial tensionada e poder poñer tope ao prezo dos alugueiros, é o que lle reclaman os socialistas ao executivo de Sanmartín logo de “meses sen ningún avance” para elevar a solicitude formal á Xunta de Galicia que será a que teña que ratificar esta declaración, a través do Instituto Galego de Vivenda e Solo.

Aitor Bouza insta ao goberno local a constituír “de xeito inmediato” a mesa sectorial que esixe a regulación formulada pola administración autonómica para iniciar o traballo conxunto co sector. Aínda que recoñece as dificultades na tramitación polos trámites incorporados por parte do goberno galego, a modo de “cortapisa que pretende afondar no rexeitamento que ten a Xunta de Rueda no que respecta á lei de vivenda aprobada polo goberno do Estado”, insiste en que isto “non pode ser unha escusa para que o goberno municipal non faga os seus deberes”.

Lembra que o grupo socialista levou ao pleno do mes de xaneiro unha moción reclamando esta declaración que foi ademais ratificada por maioría absoluta da corporación, a excepción do PP. “Tivemos a suficiente temperanza e paciencia” recalca Bouza mais, despois de varios meses, “vemos como o goberno municipal anuncia a creación de novos organismos pero non avanza nos que xa están aprobados”.

“Non podemos permitir que a mocidade que vén a estudar a nosa cidade teña que volver a buscar piso no vindeiro curso sen que este trámite estea concluído” destaca o secretario xeral dos socialistas en Santiago que insiste ademais nas necesidades dunha vivenda accesible das novas familias que queren asentarse en Santiago.

A Xunta non gasta o que orza en materia de vivenda

Bouza amosouse especialmente crítico co “desinterese” da Xunta de Galicia nas políticas de vivenda. Destaca que, a proba, é o nivel de execución dos fondos destinados a este ámbito: “o 50% dos fondos destinados ao acceso á vivenda quedaron no 2023 sen executar, parécenos un drama absoluto que eses millóns, que poderían reverter na mellora das condicións dos galegos e galegas quedaran nas arcas públicas” denuncia.

Defende Bouza a necesidade de traballar conxuntamente desde as administracións para conseguir que a xente que queira vivir en Santiago o faga de forma “asequible” e con “dignidade”, “e non teña que deixar o 50% do seu soldo no alugueiro”.