No futuro non se descarta unha obra na cuberta máis complexa aínda que non impediría o uso da infraestrutura
A piscina da Barcala estará operativa a partir de mañá sábado despois de case un ano de obras. A edil de Deportes, Elisa Pestonit, desprazouse hoxe xunto aos técnicos municipais a ver as instalacións para comprobar que estaba todo listo para a súa apertura de mañá. Abrirá as súas portas despois da segunda fase de obras que tivo que acometer o goberno local ao comprobar que a primeira fase, sufragada en gran parte pola Deputación, non contemplaba o arranxo das pingueiras, a restauración de vigas e paramentos nin a pintura do complexo. Agora tras esta segunda fase a piscina está en plenas condicións de ser usada polos usuarios, aínda que a concelleira advirte que no futuro deberase acometer unha obra na cuberta moito máis complexa que a que se realizou nesta ocasión. “A Piscina poderá ser utilizada por fin despois de case un ano. Cando chegamos ao goberno a obra das piscina, xa acabada, non permitía abrir a instalación e tivemos que dedicar uns fondos a unhas obras menores que puidesen permitir a súa operatividade”, destacou.
As actividades comezarán o 1 de febreiro e os interesados poderán informarse in situ da oferta de actividades para este curso. As obras recentes consistiron na reparación parcial da cuberta, o que evitará as filtracións detectadas de auga, e doutra banda, en melloras de tipo estrutural e estético no seu interior.
Lembra que a obra que iniciou o anterior executivo local na piscina non previu a reparación da cuberta, un dos principais males da instalación. A obra que finalizou no mes de setembro, cun investimento de 300.000 euros, non dedicou nin un só euro a paliar o seu principal mal, a súa impermeabilización. Esa actuación comprendeu a mellora aos vestiarios, nos que se levou a cabo unha nova distribución, os teitos interiores da sala da piscina, as portas de evacuación, a impermeabilizacion da praia da piscina, pero sobre todo, a mellora do sistema de ventilación, e un complexo sistema de climatización no que se renovou toda a maquinaria. O maior camhio que van notar os usuarios é o ambiente no interior da instalación, con moita menos humidade e condensación. Así mesmo, instalaranse cambiadores para bebés nos dous vestiarios de adultos. Insiste en que unha nova cubrición da piscina será inevitable nuns poucos anos porque a obra primigenia “non realizou correctamente”.