O proxecto atópase en fase de avaliación, despois de ter concorrido á oferta tres empresas
O Concello de Ponteceso ultima a posta en marcha do Programa Respira, unha iniciativa que busca favorecer a conciliación laboral e familiar durante os meses de xullo e agosto.
Deste xeito, no vindeiro período non lectivo a nivel escolar, o Concello ofrecerá 95 prazas á rapazada de entre 3 e 16 anos que estea empadroada e escolarizada no municipio para participar nos campamentos de verán. A iniciativa desenvolverase de 9:30 a 13:30 horas durante os 22 días laborables de xullo e os 21 de agosto.
Deste xeito, o Concello repartirá o servizo en catro parroquias. A de Ponteceso contará con 30 prazas, as mesmas que haberá na Campara. En Pazos ofreceranse 20 e en Corme, 15.
A prestación de servizo esixe 9 monitores de ocio e tempo libre dos que o Concello de Ponteceso non dispón, polo que o executivo local iniciou a finais do mes de febreiro o expediente de contratación.
Na actualidade, o proxecto atópase en fase de avaliación, despois de que onte se abrisen os sobres. Á oferta concorreron tres empresas e será na seguinte sesión da Mesa de Contratación cando se proceda á valoración automática dos criterios cuantificables.
O orzamento máximo de contratación polos anos 2024 e 2025 é de 48.137,64 euros. A contía correspondente a este ano sería cuberta de xeito case total coa subvención do programa FSE+ Galicia 2021, ofrecida pola Comunidade Autónoma de Galicia e cofinanciada pola Unión Europea.