O prezo é de 42 euros e inclúe viaxe, visitas e xantar. A preinscrición debe realizarse entre o luns e o mércores da próxima semana.
O Concello continúa organizando actividades para o colectivo das persoas maiores de 55 anos, xubiladas e pensionistas empadroadas no termo municipal da Laracha que favorezan o envellecemento activo e contribúan a evitar a exclusión social nese grupo de idade.
O luns 29 de abril farase unha nova excursión á localidade ourensá do Barco de Valdeorras. A expedición realizará visitas guiadas por lugares como os xardíns de Viloira, o malecón xunto ao río Sil e o Santuario das Ermidas, así como á bodega “Roandi” de denominación de orixe Valdeorras, onde coñecerán como é a elaboración dos mencías e godellos e desfrutarán dunha cata de viño.
A preinscrición deberá formalizarse entre o luns e o mércores da próxima semana (días 15, 16 e 17 de abril) no Edificio Administrativo da Laracha. Segundo as bases reguladoras da actividade, terán prioridade na concesión das prazas aquelas persoas que non participaran nas dúas anteriores excursións de un día. En caso de ser necesario, o sorteo das prazas dispoñibles faríase o xoves 18 de abril ás 11:00 h no Salón de Plenos do Concello.
A cota que deberán aboar os participantes é de 42 euros, que inclúe o transporte, o xantar e todas as actividades que se desenvolverán durante a viaxe.