Friday 22 de November de 2024

As obras de pavimentación e saneamento na rúa da Cambra rematarán a finais de maio


O alcalde de Ribeira, Luís Pérez e o concelleiro de obras, Xabier Vidal, visitaron hoxe a obra de saneamento e pavimentación que se está a realizar na rúa da Cambra, na parroquia de Palmeira, que rematará a finais do vindeiro mes.

A actuación, que conta cun orzamento de 65.201 euros, renovará os servizos de saneamento, pluviais e abastecemento de auga. Tamén mellorará as condicións de accesibilidade e funcionalidade da rúa; mediante a sustitución do firme actual por un novo pavimento de formigón con lousas de granito.

Segundo explicou o alcalde, Luís Pérez, a veciñanza “levaba moito tempo demandando actuacións nesa rúa debido a problemas coa presión da auga”. O rexedor reafirmou asimesmo o compromiso do goberno local coa mellora e renovación dos servizos básicos en tódalas parroquias. “Dende o Concello seguimos a traballar para mellorar a pavimentación e o saneamento naquelas rúas que se atopen deterioradas” explicou. “A mellora dos servizos é fundamental para o desenvolvemento sostible de todo o Concello.”