“Son moitos os coruñeses e coruñesas que atoparon en vós un apoio para ampliar os seus coñecementos en linguas”, sinalou a alcaldesa
A alcaldesa da Coruña, Inés Rey, acudiu esta tarde ao acto polo 50 aniversario da Escola Oficial de Idiomas, que se celebrou na súa sede da rúa Educación. A rexedora agradeceu á súa directora, Susana Aldao, e ao equipo docente formado por 75 profesores e profesoras,
o seu labor nunha institución pioneira a nivel galego e na que hai máis de 5.000 persoas matriculadas no actual curso.
Rey rememorou a orixe deste centro, nas aulas do instituto Ramón Menéndez Pidal de Zalaeta. “Para derrubar os
muros que separan as diferentes culturas é imprescindible a lingua, e por iso é tan imprescindible contar cunha institución pioneira como esta, que leva 50 anos abrindo novos camiños aos coruñeses e coruñesas”, indicou a rexedora.
Inés Rey destacou a importancia da educación pública como base para que A Coruña siga sendo unha cidade líder
e referente a nivel galego e nacional. “O meu goberno municipal ten un profundo compromiso coa educación de calidade, dando a cara e dialogando diariamente coa nosa comunidade e chegando, incluso, máis alá das nosas competencias”, indicou.