Friday 22 de November de 2024

28 empresas e emprendedores/as participan no programa da Concellaría de Promoción Económica “Impulsa e despega”


A acción formativa arrincou este mércores cun evento no Museo de Bergantiños ao que asistiron o alcalde e o concelleiro Xosé Regueira

28 empresas e emprendedores dos sectores máis variados, e que teñen en marcha negocios en distintas fases de desenvolvemento, participan no programa Impulsa e despega, unha iniciativa da Concellaría de Promoción Económica coa que tratamos de contribuír á profesionalización e revitalización do tecido empresarial das pemes locais a partir de modelos de negocio baseados no triplo balance -económico, social e ambiental- que lles permitan afrontar nas mellores condicións os retos da Axenda 2030 para o desenvolvemento sostible.

A proposta, que desenvolve a cooperativa Falar a Mare, arrincou hoxe no Museo de Bergantiños cunha xornada de traballo á que se sumaron o alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira. Este último destacou que desde o seu departamento trabállase de xeito continuado en accións que contribúan a “axudar a emprender”, pero que neste caso, ademais de apostar por unha fórmula novidosa, está convencido de que será moi proveitosa para os/as asistentes.

Evencio Ferrero, pola súa banda, subliñou que a ampla participación no proxecto é un reflexo do dinamismo empresarial do noso concello, e expresou o seu desexo “de que ese dinamismo o poidades trasladar ao resto da sociedade”.

Impulsa e despega é unha actividade gratuíta do Concello de Carballo que vai destinada a todas aquelas persoas emprendedoras e pequenas/os empresarias/os que buscan un equilibrio entre a viabilidade económica, social e ambiental. Os/as participantes poderán acceder ás ferramentas e coñecementos precisos para atender as necesidades do día a día dos seus negocios dun xeito efectivo. “Emprender e permanecer non é tarefa fácil, e a través deste programa queremos axudar, poñendo o foco no análise e xestión de catro áreas estratéxicas: modelo de negocio, estratexia empresarial, finanzas e comunicación”, apuntou o concelleiro de Promoción Económica.

A sesión de traballo continúa este xoves co seguinte programa:
10.00 h. Inicio da xornada.
10.10 h. Plan financeiro: presentación ferramenta + traballo práctico.
11.45 h. Pausa café.
12.15 h. Taller plan financeiro (2ª parte).
13.30 h. Traballo práctico e resolución de dúbidas.
15.45 h. Ferramentas de comunicación: presentación ferramenta + traballo práctico.
17.45 h. Pausa.
18.00 h. Foro aberto: conclusións e novos retos.
19.00 h. Clausura do evento.