Saturday 16 de November de 2024

Asinado un novo contrato co centro especial de emprego Aspaber, que cumpre vinte anos no servizo de limpeza viaria


Representantes da entidade agradeceron ao Concello de Carballo a aposta realizada no seu día, que aínda hoxe é un referente a nivel estatal

En maio do ano 2004, Aspaber converteuse na primeira empresa de economía social do Estado en acceder a unha concesión para un servizo municipal de limpeza viaria mediante concurso público. A súa singularidade: ter un equipo integrado por persoas con discapacidade intelectual. Hoxe, a piques de cumprir vinte anos á fronte do servizo, Aspaber asinou un novo contrato por dez anos máis co Concello de Carballo, que destina a este servizo 555.867,57 euros anuais.

Aínda que a sinatura do contrato é un acto administrativo, tanto desde Aspaber coma desde o Concello de Carballo quixeron aproveitar o acto de hoxe para poñer en valor a aposta realizada no seu momento por ámbalas dúas partes. O alcalde, Evencio Ferrero, insistiu unha vez máis en que aquela aposta do 2004 por integrar nos servizos municipais a persoas con discapacidade é unha das decisións das que se sente máis orgulloso como alcalde e como carballés. “Ao ser os pioneiros, cada vez máis entidades veñen a Carballo”, e o último exemplo foi a visita que realizou este martes a directora de Cáritas Diocesana, Pilar Farjas.

Porque agora os contratos reservados para centros especiais de emprego son unha obriga legal, pero en Carballo xa empezaron a facerse antes, precisamente con aquel primeiro contrato con Aspaber. Nestes vinte anos pasaron polo servizo de limpeza varia decenas de persoas. O equipo actual está formado por 27 traballadores e traballadoras. Unha porcentaxe importante están desde o principio, e esta nova concesión vailles permitir a moitos deles acceder a unha xubilación.

A directora de Aspaber, Dolores Fernández, que asinou o contrato, e os representantes da xunta directiva presentes no acto destacaron “a implicación do Concello de Carballo coas entidades locais nos contratos reservados, en especial aqueles que van dirixidos os traballadores con especiais dificultades”. Outro gran logro acadado grazas a aposta realizada no seu día é, como indicou o encargado do servizo, José Manuel Castro Tato, “que aumenta o nivel de esixencia do cidadán, e iso é bo, porque significa que xa non nos ven diferentes”.

Nesta nova concesión, Aspaber dotarase tamén de novos medios materiais, entre eles dous vehículos eléctricos multiusos e triciclos eléctricos que, segundo explican, “axudarán na tarefa de percorridos máis longos”, así coma “unha decapadora que axudará no fregado das superficies amplas”. O centro especial de emprego Aspaber tamén incorporará un programa de accesibilidade que facilitar a organización das rutas para os/as traballadores/as.