O Concello de San Sadurniño prosegue, pouco a pouco, coas melloras na Casa da Cultura. Un inmoble con tres décadas ao lombo ao que nos últimos tempos se lle viñeron facendo importantes obras para corrixir os problemas ocasionados polo paso do tempo e tamén para lograr a súa eficiencia enerxética. O seguinte paso neste camiño é abordar a renovación do equipamento técnico do auditorio, onde se instalará iluminación escénica, novo equipamento de sonido e, quizais o máis importante, un sistema de climatización que compense as altas temperaturas que se alcanzan no patio de butacas nos días soleados da primavera e o verán. O investimento previsto ascende a 46.221,32 euros, financiados con fondos provinciais.
O problema da calor na Casa da Cultura vén de vello. É máis, no salón de actos, a pouco que se encha de público, o ambiente cárgase rapidamente, incluso no inverno; e nos días solleiros da primavera e comezos do verán -cando o centro cultural multiplica a actividade-, os grandes ventanais e a galería frontal actúan como un grande calefactor natural de grande axuda nos meses fríos pero que converte o espazo nun forno cando chega a calor.
Ese é o motivo de que o Concello preparase un pequeno proxecto que contempla a instalación dun sistema de climatización -bomba de calor, condutos, etc.- que se axeite ás necesidades estacionais do edificio, onde non hai demasiado tempo tamén se investiu nunha calefacción mediante pellets e na mellora da envolvente -eliminación de humidades e ventanais- coa finalidade de incrementar a súa eficiencia en termos de consumo enerxético e de gastos de mantemento. O inmoble, ademais, tamén se dotou de novas cadeiras e de dous espazos onde antes se atopaba o ambigú, orientados ao seu uso por parte dos grupos políticos municipais.
Porén, alén das cuestións de habitabilidade, a Casa da Cultura tamén leva tempo agardando por unha actualizacion técnica relacionada co sonido e coa iluminación. Nos últimos anos avanzouse instalando unha pantalla de grandes dimensións e un proxector de altas prestacións e, recentemente, tamén se cambiaron as antigas luces de servizo xerais por outras led máis aforradoras e sen retardos no acendido.
Agora, dentro do proxecto, está previsto substituír a vella mesa de mesturas de son por outra máis moderna e con máis posibilidades, acompañada do correspondente cableado desde o escenario. Ademais tamén se colocarán focos correctamente orientados -até o momento só había luces verticais- conectados a unha mesa de control -e incluso á mesa de son- que permita variar intensidades lumínicas e cores, co que o espazo tamén ganará en posibilidades creativas e aforrará ter que contratar externamente este servizo para calquera actividade.
O contrato para a subministración e instalación de todo este equipamento adxudicóuselle á empresa Electricidad Permuy -quen xa se ocupa do mantemento eléctrico do Concello- por importe de 46.221,32 euros, impostos incluídos. A firma eumesa está facendo o acopio do material e agarda iniciar as obras en breve, co obxectivo de que o Centro Cultural poida estar listo antes incluso da clausura das escolas municipais, que sempre se programa para mediados de xuño.
O investimento finánciase con cargo ás axudas do POS+ provincial de 2023 e, segundo comentou o alcalde, Secundino García, “servirá para completar a modernización tecnolóxica do auditorio”. O rexedor engade a este respecto que o equipamento “mellorará considerablemente as condicións en que se desenvolven actividades como obras teatrais, contacontos, actuacións musicais ou incluso charlas, dado que contarán cunha iluminación axeitada e mellor sonido. E ademais tamén poderemos desfrutar de toda esa programación cunha temperatura adecuada durante todo o ano”.