Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Brión recibe ao alumnado de 3º da ESO do IES Brión e do Lycée Gerard de Nerval, que manteñen un intercambio escolar


O alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, e a concelleira de Ensino, Guarina Rey, recibiron ao alumnado de 3º da ESO do IES Brión e do Lycée Gerard de Nerval, da rexión Hauts de France, que participan nestes días nun intercambio escolar ao abeiro do programa “EduFrance”, promovido pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades. Unha recepción que tivo lugar no salón de plenos municipal e na que tamén participaron a concelleira de Servizos Sociais, Rosa Romero, e o concelleiro de Deportes, Carlos Noya.

Alcalde e concelleiros guiaron aos alumnos e alumnas polas distintas dependencias municipais, explicándolles o funcionamento administrativo dun municipio como o de Brión. “Estamos aquí para resolver todo o que precisen os nosos veciños e veciñas. Esta é a casa de todos e todas as brionesas e, dende hoxe, as súas portas tamén están abertas para vós”, indicoulles Pablo Lago, quen agradeceu ao profesorado do IES Brión, especialmente á titular da materia de francés, por participar neste tipo de intercambios lingüísticos tan enriquecedores para os mozos e mozas.