Saturday 16 de November de 2024

O concello pecha á circulación vías forestais de Montemaior danadas pola realización dunha tala


O goberno local iniciou os trámites para modificar a ordenanza reguladora da actividade para minimizar os danos por parte das empresas de xestión forestal.

O Concello informa do peche temporal de varias pistas forestais da parroquia de Montemaior como medida de seguridade ao estar actualmente intransitables debido aos estragos causados pola empresa madeirista que está a realizar unha tala.

As vías afectadas, que serven de acceso a parcelas agrícolas, localízanse próximas aos núcleos de A Fieira, A Casanova, Balvís, O Penedo e As Nocellas. En total a lonxitude dos camiños cortados á circulación supera os tres quilómetros lineais.

A Policía Local redactou o correspondente informe de danos. O Concello xa está realizando as accións oportunas para, primeiro, sinalizar sobre o terreo para advertir aos vehículos do peche dos camiños forestais. Ao mesmo tempo, abriuse un expediente sancionar á empresa, á que se lle incautará a fianza ou aval depositados e se lle requirirá para que proceda a reparar os danos ocasionados.
Ante os reiterados problemas que se están a rexistrar no termo municipal causados polas empresas dedicadas á xestión forestal, e co obxectivo de minimizar os danos, o goberno local iniciou os trámites para modificar a ordenanza reguladora da actividade de corta, depósito, carga e transporte da madeira de tala.

Desde o Concello laméntanse as molestias que esta situación está a causar á veciñanza, principalmente aos propietarios das fincas emprazadas xunto ás vías afectadas.