A recepción oficial terá lugar no patio interior da casa consistorial ás 12.00h.
O Club Deportivo Aldebarán de San Sadurniño será recibido oficialmente polo Concello tras ganar recentemente a Copa Príncipe de volei. O acto será este sábado ás 12.00h. con asistencia de xogadores, corpo técnico e directiva, pero tamén de representantes da corporación e do tecido asociativo municipal. O Concello quere renderlle homenaxe deste xeito ao clube tanto polo seu éxito copeiro como polo traballo que vén desenvolvendo a prol do deporte de base desde a súa creación en 1992. A recepción terá lugar na casa consistorial no mesmo día en que o Aldebarán xoga na casa contra o CN Boiro -Pavillón Municipal, 19.30h.- co obxectivo de meterse entre os catro primeiros clasificados da SM2.
O Aldebarán está de boas nesta reanudación da liga tras un parón do Nadal que non foi tal, senón que para o equipo supuxo unha concienzuda preparación loxística e deportiva da Copa Príncipe. Un trofeo que ergueu hai dúas semanas e que foi a confirmación de que o volei local está pisando forte nesta temporada da SM2.
Hai tan só unha semana o equipo dirixido por Manuel Blanco asestoulle un contundente 0-3 ao Leganés e este sábado quere repetir resultado perante o Boiro. O derbi entre as dúas únicas formacións galegas da superliga promete ser intenso. Os da costa marchan cuartos na táboa e o Aldebarán vénlles facendo luces desde o quinto posto e con tan só un punto de diferenza. De aí que unha victoria local signifique achegarse un pouco máis aos postos de cabeza, ocupados con vantaxe -de momento- polo Can Ventura Palma, o CyL Palencia e o Barcelona.
O club volveu facer un chamamento a través das redes sociais para encher o pavillón, sabedor de que o ánimo e maila presión da afección sempre son factores que axudan. Un chamamento ao que se une o Concello, que ao mediodía recibirá oficialmente ao equipo na casa consistorial co obxectivo de recoñecerlle o éxito na copa e tamén o labor que desenvolve no deporte de base.
Case 40 anos de volei local
O Aldebarán naceu como club en 1992. Porén o vencello de San Sadurniño co volei vén desde mediados dos anos 70, cando comezou a practicarse en Santa Mariña do Monte. Con todo, foi a chegada de Manolo Seco como mestre do colexio público en 1978 o que marcou o inicio dunha época que dura ata hoxe e que converteu un concello rural de pouco máis de 3.000 habitantes nun dos principais referentes do volei galego e estatal.
Seco, que era profesor de Educación Física, xa xogara en Lugo nos seus tempos de estudante e impulsou esta modalidade como alternativa aos deportes maioritarios, principalmente o fútbol. O primeiro equipo formárono nove alumnos en 1978 e tan só catro anos despois San Sadurniño foi quen de proclamarse campión provincial infantil vencendo aos Maristas da Coruña e subcampión dunha fase do sector celebrada en Vigo ante equipos de Galicia, Asturias, León, Cantabria e Valladolid. 1982 foi, por tanto, o ano en que se confirmou que o volei local podía aspirar a máis.
Ao longo dos anos 80 o proxecto escolar continuou medrando con máis formacións, tanto masculinas como femininas e mesmo mixtas no caso da rapazada máis nova. Nese periodo estímase que case a metade do alumnado do centro -de feito, boa parte da mocidade do concello- xogaba nalgún dos equipos.
En 1985 os cadetes volverían proclamarse campións da provincia, confirmando que o volei de San Sadurniño tiña moito que dicir e que ía en serio. Porén, ao rematar a EXB moitos dos xogadores e xogadoras ou ben deixaban a práctica do volei ou ben marchaban a outros equipos, principalmente ao Vagalume de Ferrol.
Esa foi a razón que fixo nacer o Club Aldebarán en 1992. O título infantil masculino e a acumulación de bos resultados en competicións escolares plantexou a necesidade de crear un programa deportivo a longo prazo que lle dese continuidade aos equipos tamén en categorías superiores. O nome da entidade tomouse da estrela máis brillante da constelación de Tauro e nos anos 90 o Aldebarán honrou esta denominación brillando con luz propia: o campionato galego cadete na temporada 94/95 e o galego xuvenil na 95/96, aos que cómpre sumarlles dous campionatos galegos infantís e un campionato provincial alevín.
Coa chegada do novo século continuarían repetíndose os éxitos dos equipos de base nas competicións provincial e galega combinados con fitos organizativos como o I Torneo Internacional de Volei do 2002 ou unha das fases de sector do Campionato de España. Ademais, o traballo de anos de deportistas, cadro de adestramento e directiva veríase recompensado cun campionato na 1ª División estatal en 2011 e co ascenso á Superliga Masculina 2 do equipo sénior en 2012.
Traballo no deporte base
A evolución ascendente do Aldebarán responde a unha constante aposta pola súa canteira. As escolas deportivas municipais xestionadas polo club surten de talento os equipos de abaixo arriba, buscando que o relevo nas distintas categorías sempre goce de boa saúde. A maioría das fichas continúan cubríndose con promocións do alumnado do colexio público, aínda que o proxecto emprendido en San Sadurniño tamén atrae xogadores e xogadoras doutros municipios da contorna, como Ferrol, Narón, Neda ou Fene. Desta maneira o Aldebarán converteuse nun dos principais referentes galegos para a aprendizaxe e práctica do voleibol e ao longo da súa historia forneceu de destacados deportistas a outros equipos e á selección galega.
As escolas contan con grupos en benxamín, alevín, infantil, cadete e xuvenil. Un total de 80 participantes de entre 6 e 18 anos repartidos a partes iguais entre rapazas e rapaces. Canda eles e elas cómpre contar os 20 compoñentes dos equipos senior feminino e masculino.