Friday 22 de November de 2024

O Concello entregará mañá as súas distincións máis elevadas a sete figuras clave na historia da Compostela


O Teatro Principal acollerá mañá, xoves 11 de abril, o acto de entrega de títulos, honras e condecoracións a sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais contribuíron á historia e ao progreso de Compostela en distintos ámbitos. O Concello outorgará as Medallas de Ouro da cidade a Tareixa Navaza e a Luís Pasín, e nomeará Fillos predilectos de Santiago a Ramón Baltar, a Aurora Pereira (Aurichu), ambos a título póstumo, e a Ezequiel Méndez. José Porto e Manuel Quintáns a título póstumo, recibirán o distinción de Fillos adoptivos da cidade nun acto ques estará conducido pola artista Sole Felloza e no que participarán a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e os membros Corporación municipal.

Ás 19:30 horas arrancará no Teatro Principal a cerimonia de entrega de distincións para recoñecer as traxectorais vitais e profesionais de sete persoeiros vinculados a Compostela. No acto estarán presentes Luís Pasín, Tareixa Navaza e José Porto así como os/as representantes das persoas homenaxeadas a título póstumo e de Ezequiel Méndez, que non poderá asistir ao evento. Todis eles asinarán no Libro de Honra do Concello antes de comezar o acto.

A alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín e varios membros da Corporación municipal, serán os encargados de facer entrega das máis elevadas condecoracións outorgadas polo Concello de Santiago: as medallas de Ouro da cidade e os títulos de fillo/as predilectos/as ou adoptivos/as. Recaerán en sete persoeiros cuxas traxectorias vitais e profesionais destacaron pola súa defensa e pola súa contribución á vida e Compostela en distintos ámbitos. Durante o acto, que será conducido pola actriz e escritora Sole Felloza, farase un repaso polas biografías de cada unha das persoas recoñecidas e a súa contribución á historia da cidade e faráselles entrega dun pergamino e unha insignia a modo de distinción.

Medallas de Ouro

Recoñecerase coa Medalla de Ouro de Santiago á xornalista Tareixa Navaza González por “manter coa súa voz en alto o compromiso co país e coa loita pola igualdade” a través dunha narrativa “que nos fala da vida íntima da cidade e nos trae a memoria familiar dun tempo e dun país” e que está “comprometida coas reclamacións dun lugar para as mulleres e unhas liberdades para todas”.

Tamén recibirá esta distinción o activista político Luís Pasín Liñares polo seu labor “en prol da democracia, a participación veciñal e a memoria histórica de Compostela” como “voz veciñal e militante entusiasta da democracia” que o converteu en “memoria activa” do seu barrio de Conxo.

Fillos/as predilectos/as

O médico e director hospitalario Ramón Baltar Domínguez será nomeado Fillo predilecto da cidade a título póstumo por ser un “exemplo de militancia cívica, comprometido coa loita pola democracia nos momentos máis difíciles e acollendo e protexendo a vítimas da ditadura” así como polo seu labor como “protector de artistas” e pola súa participación en “proxectos de reconstrución da cultura galega na posguerra, como a recuperación da casa de Rosalía de Castro e o Padroado Rosalía de Castro, do que foi conselleiro”.

A pintora Aurora Pereira Carballo “Aurichu” recibirá o título de Filla predilecta a título póstumo pola súa traxectoria como artista plástica e como deseñadora de roupa e doutros obxectos á fronte durante máis de 25 anos da súa coñecida tenda ‘Xanela’ no corazón histórico da cidade, recoñecendo a súa “creatividade artística, á súa significación comercial e veciñal e ao seu activismo cultural e político”.

Esta honra tamén irá para o divulgador e activista cultural Ezequiel Méndez Vidal, polo seu “labor en prol da creación e a divulgación das artes escénicas e visuais e o seu activismo cultural” ao longo da súa prolífica carreira como escritor, actor de teatro, impulsor de varios cineclubes na cidade, productor audiovisual e editor.

Fillos adoptivos

Serán nomeados Fillos adoptivos da cidade o sacerdote José Porto Buceta, polo seu “labor de dinamización da parroquia e do barrio de Sar, apegado ás necesidades da veciñanza” durante os seus máis de 50 anos como párroco do barrio.

O profesor Manuel Quintáns Suárez tamén se converterá en Fillo adoptivo a título póstumo, pola súa “inxente e laboriosa obra dedicada ás humanidades, á narración oral, ao conto tradicional, ao refraneiro e á cultura popular”.