A Xunta de Galicia completa así tres exitosas mostras na cidade no último ano tras a de Picasso e ‘Coruña no tempo’, que colleitan 86.000 visitas
A exposición Viaxar para pintar. Sorolla en Galicia despediuse esta semana no Museo de Belas Artes da Coruña tras recibir máis de 25.000 visitantes. Unha cifra que se suma ás 50.000 persoas que recibiu a mostra Picasso branco no recordo azul e ás máis de 10.000 de A Coruña no tempo. Deste xeito, a Xunta de Galicia completa tres exitosos proxectos no último ano con 86.000 visitantes.
Estas cifras dan conta do gran seguimento que tiveron estas exposicións na cidade herculina, onde galegos e turistas non quixeron deixar pasar a oportunidade de empaparse de cultura con citas de primeiro nivel. Foi por iso que a Xunta de Galicia decidiu prorrogar a mostra de Sorolla, prevista ata o 10 de marzo, ata o pasado 7 de abril e ofrecer, así, a oportunidade de coñecer o traballo do artista durante a Semana Santa.
As tan satisfactorias cifras, que favorecen o obxectivo da Xunta de Galicia de promover, difundir e poñer en valor a cultura, súmanse os 50.000 visitantes da mostra Picasso branco no recordo azul, tamén no Museo de Belas Artes durante tres meses. Este traballo, organizado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades no marco dos actos de conmemoración do 50 aniversario do falecemento do artista, contou con máis dun centenar de pezas.
Completan estes datos a exposición A Coruña no tempo, organizada en conxunto polo Goberno galego e a Afundación. Esta pechou as súas portas na sede de Afundación na cidade superando os 10.000 visitantes. As persoas que acudiron, ao longo de dous meses, puideron descubrir un cento de pezas entre obras de arte, fotografías, documentos e mapas históricos que constrúen un relato único sobre a identidade dunha urbe exemplo de emprendemento e dinamismo.