Inés Rey celebra que a empresa coruñesa “siga apostando pola cultura musical” e por “un dos eventos máis importantes do verán no país”
A alcaldesa da Coruña, na súa calidade de presidenta do Instituto Municipal Coruña Espectáculos (IMCE), asinou esta mañá un convenio de colaboración coa Corporación Hijos de Rivera para renovar a colaboración desta empresa co Festival Noroeste Estrella Galicia por tres anos máis. Por parte da empresa, asinou o convenio o director xeral da corporación, Francisco Manuel Ucha Rodríguez.
“Este vínculo que une o Concello e Hijos de Rivera amosa a nosa intención de seguir apostando pola cultura musical de calidade na cidade, apoiando un dos eventos máis importantes do verán en Galicia e no país enteiro”, indicou Inés Rey tras a firma. Deste xeito, o evento musical manterá a súa actual denominación como Festival Noroeste Estrella Galicia por tres anos máis, durante as edicións de 2024, 2025 e 2026.
Ambas as partes valoraron moi positivamente este acordo e os resultados amosados durante os últimos anos froito desta colaboración, que lle “permitiu a este festival alcanzar un nivel nunca visto, á vez que aumenta a súa aposta pola música galega e coruñesa”, tal e como apuntou Inés Rey. O acordo de colaboración será por tres anos e, ademais, Hijos de Rivera comprométese, durante os anos 2025 e 2026, a contribuír con programación e produción propia relacionada co Festival Noroeste Estrella Galicia.
“O compromiso de Hijos de Rivera coa cidade e a súa programación cultural vese reflectido no seu apoio activo tanto ao Festival Noroeste Estrella Galicia como a numerosos eventos que se realizan ao longo do ano”, indicou a alcaldesa, que lle agradeceu á empresa a súa predisposición para renovar este acordo.
Vetusta Morla e Xoel López, primeiras confirmacións do Festival Noroeste Estrella Galicia
O Festival Noroeste Estrella Galicia 2024 celebrarase do 7 ao 10 de agosto en diferentes localizacións da cidade, como vén sendo habitual nos últimos anos. Tal e como anunciou a alcaldesa na presentación da estratexia turística da cidade en Fitur, as primeiras confirmacións do evento son Vetusta Morla e Xoel López, dous dos grandes referentes da música independiente a nivel nacional.
“Xa estamos a traballar na configuración dun cartel que combinará grandes referentes do pop e do rock, tanto nacional como internacional, con artistas emerxentes que a cidade poderá descubrir no festival gratuíto máis importante de España”, indicou Inés Rey.