Preténdese ampliar o número de técnicos neste eido mediante a contratación dun prospector. O pleno acordou unanimemente concorrer ao Premio á Promoción do Cooperativismo convocado pola Consellería de Economía, Emprego e Industria
A Mancomunidade de Municipios da Comarca de Ordes arranca este novo ano apostando firmemente polo seu Programa de Emprego. Todos os concellos integrantes acordaron no pleno que tivo lugar esta semana solicitar a subvención da Consellería de Economía, Emprego e Industria para a contratación por período dun ano dun prospector de emprego. A cantidade solicitada ascende a algo máis de 26.000 €. Nas funcións desta figura constan tarefas de información sobre o mercado de traballo e de ofertas de emprego, sobre políticas activas e pasivas dos servizos públicos e os incentivos e medios para a posta en marca de iniciativas emprendedoras. Tamén informará e xestionará as ofertas axeitadas para cada usuario ou usuaria, potenciando a súa captación e cobertura a través dun sistema de intermediación transparente e eficaz. Será tamén o responsable das relacións con empresas e axentes do mercado de traballo para difundir información sobre as iniciativas que faciliten a inserción laboral, á par que realizará prospeccións sobre as necesidades das empresas e o casamento entre as ofertas e as demandas de emprego. Por último atenderá á dinamización e ao afloramento de ofertas latentes.
Unha figura que se unirá ás do axente e orientador de emprego que veñen prestando os seus servizos na Mancomunidade de Ordes. Preténdese así o fomento na creación de emprego de calidade e o incremento da empregabilidade das persoas desempregadas, mellorando as condicións do mercado de traballo. Sempre no marco da Estratexia Europea para o Emprego, do Programa nacional de reformas, da Estratexia Española de Activación para o Emprego (2014-2016) do respectivo Plan anual de política de emprego (PAPE), e no eido da colaboración institucional e o diálogo social entre o Goberno galego e os axentes económicos e sociais de Galicia.
Fomento de novas iniciativas
Outra das decisións acadadas na sesión que tivo lugar onte foi a concorrencia da mancomunidade ordense ao Premio á Promoción do Cooperativismo, dotado con 5.000 € para o gañador. Con esta convocatoria a Consellería de Economía, Emprego e Industria quere fomentar e difundir o cooperativismo na Comunidade Autónoma, así como recompensar publicamente o labor que as cooperativas e outras institucións e persoas veñen realizando neste sentido. A Mancomunidade de Ordes vén desenvolvendo un labor importante neste eido a través da súa Oficina de Fomento ao Cooperativismo. Participación en feiras a través de postos temáticos ou o asesoramento e fomento na creación de cooperativas no eido comarcal son algunhas das funcións postas en marcha nestes últimos anos.