Friday 22 de November de 2024

O programa “Actívate” chega a Ardaña en colaboración coa Asociación de Veciños Santa María


O programa Actívate, que agrupa actividades de distintas áreas do Concello de Carballo, segue viaxando dun extremo a outro do noso extenso concello, e chega agora a Ardaña en colaboración coa Asociación de Veciños Santa María.

As actividades arrincarán este xoves 11 ás 19.00 horas cunha sesión teórico-práctica sobre primeiros auxilios no fogar que impartirá o persoal de Protección Civil e a inauguración da exposición de creadores e creadoras locais contra a violencia de xénero. As obras de Adriana Suárez Cotelo, Emi de las Heras, Antonio Reino, Mon Lendoiro, Alberto Gende, Alberto Varela Ferreiro e Ana García poderán verse ata fin de mes no centro social.

O día 18 estará dedicado á mobilidade. Ás 17.00 horas, a Policía Local e o Club Ciclista Carballo Vázquez y Reino coordinarán un circuíto de seguridade viaria dirixido aos peques. Os nenos e nenas da parroquia de Ardaña ou de calquera outra do concello poderán achegarse coas súas bicicletas ou patinetes para desfrutar dunha tarde de diversión de aprendizaxe, que tamén poderán compartir na charla prevista para as 19.00 horas e destinada ao público adulto. A cada asistente entregaráselle un chaleco reflector.

Este ano incorporamos ao programa Actívate unha iniciativa que está tendo unha excelente acollida entre os escolares e na que tamén queremos implicar aos distintos sectores sociais: as visitas guiadas polo ciclo da auga. O día 25, a partir das 17.00 horas, as persoas que o desexen visitarán a captación de auga do río Bardoso e a EDAR de Noví. Desde a organización, na que colabora Gestagua, disporase dun servizo de transporte, polo que é preciso confirmar asistencia poñéndose en contacto coa xunta directiva da asociación de veciños.

As propostas de Actívate continuarán no mes de maio. Para o día 2 ás 19.00 horas está prevista unha charla informativa do servizo municipal de control de pragas sobre a avespa velutina. E o día 10 chegará a Ardaña o ciclo de concertos CMUS en Ruta, que ao longo de todo o curso permite á veciñanza das distintas parroquias coñecer os talentos que estamos a formar no Conservatorio Profesional de Música do Concello de Carballo. Neste caso poderemos escoitar á banda infantil do CMUS. A actuación comezará ás 19.00 horas e a entrada, coma no resto das actividades, é libre.