A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, interveu na apertura da mostra promovida pola Fundación La Caixa no Obelisco
A concelleira de Medio Ambiente, Noemí Díaz, participou esta mañá no acto de apertura da mostra fotográfica ‘Cores do mundo’, organizada pola Fundación La Caixa e que contén 42 imaxes de reputados profesionais de National Geographic que plasman diferentes paletas de cores capturadas en diferentes lugares do mundo.
“Estou segura de que esta viaxe cromática ficará nas nosas retinas e no noso corazón por moito tempo, e de que tamén nos permitirá redescubrir a inmensa diversidade que nos rodea, próxima e afastada, achegándonos tamén a unha maior corresponsabilidade e compromiso medioambiental”, indicou a concelleira durante a súa intervención. A exposición profunda na importancia de cada cor e nas súas connotacións.
As imaxes son obra de fotógrafos/as de recoñecido prestixio como Joel Sartore, Steve McCurry, Lynn Johnson ou Jodi Cobb. As instantáneas foron feitas en países como Papúa-Nova Guinea, India, Islandia, República Democrática do Congo, Chile ou nos Estados Unidos. A mostra forma parte do programa Arte na rúa, que leva a cabo a Fundación La Caixa.