A responsable de Turismo da Xunta lembrou que existen oito entroidos galegos que contan coa declaración de festa de interese turístico e que máis de 175 concellos galegos declaran festivo o luns ou o martes de Entroido
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, destacou o forte efecto desestacionalizador do Entroido, que “contribúe a ampliar a oferta turística, a gozar da gastronomía característica desta época do ano e a poñer en valor o territorio desde outras perspectiva, potenciando actividades como o turismo activo, o enoturismo ou o turismo cultural e urbano”.
Afirmou isto na presentación do Entroido galego que tivo lugar no espazo dedicado á Comunidade galega na Feira Internacional de Turismo de Madrid, Fitur. Dixo tamén que exerce un potente efecto de fidelización ao destino. “O Entroido convértese nunha cita anual que convida ao descubrimento dos recursos gastronómicos, culturais e paisaxísticos dun territorio ou ben unha magnífica actividade complementaria para unha estadía en Galicia”, afirmou.
Segundo explicou a directora de Turismo de Galicia, o Entroido en Galicia conforma unha tradición popular, vivida sobre todo polos veciños, pero tamén por todos aqueles que ano tras ano se achegan a descubrilo. “A súa riqueza, a súa vistosidade e o seu acervo fan que estas celebracións atraigan un grande número de asistentes e participantes cada ano”, sinalou.
Por outra parte, ademais do seu potencial para a cohesión —engadiu Nava Castro—, da súa capacidade de confraternización e do seu efecto conservador do patrimonio inmaterial, “o Entroido exerce un potente efecto dinamizador na economía das comarcas nas que se celebra”.
A directora de Turismo de Galicia lembrou na súa intervención en Madrid que Galicia conta con oito entroidos declarados como festas de interese turístico e son máis de 175 os concellos que decretan festivo o luns ou o martes de Entroido.
Aposta de Turismo de Galicia
Con todo, afirmou que “desde a Xunta de Galicia apoiamos e potenciamos estes elementos senlleiros, que forman parte da nosa identidade e que poñen en valor o noso destino, dotándoo de elementos e experiencias que non se poden vivir en ningún outro lugar do mundo”.
Mostra disto, manifestou Nava Castro, “é o convenio de colaboración que desde Turismo de Galicia asinamos anualmente para o apoio e a promoción dos entroidos galegos declarados festa de interese turístico nacional, o Entroido de Xinzo de Limia, que conta coa distinción desde 1997, e o de Verín, recoñecido no ano 2000”.
Así mesmo, lembrou a publicación por parte do departamento que dirixe de axudas para o apoio e a promoción das festas de interese turístico de Galicia a través da que “colaboramos co Entroido de Viana do Bolo, o Entroido de Laza, o Folión Tradicional do Entroido de Manzaneda, o Entroido de Maceda, o Entroido de Cobres e o Entroido do Ulla, tamén coñecido como Entroido dos xenerais”.
Outra mostra da firme aposta da Xunta de Galicia a favor da promoción dos entroidos “é o acto de exaltación que celebramos anualmente na capital de Galicia”, engadiu a directora de Turismo de Galicia. Este acontecemento, explicou, constitúe unha grande mostra da potencialidade do destino “e este ano terá lugar no mes de setembro, difundindo a riqueza cultural e etnográfica das comarcas e vilas galegas, ao tempo que dinamiza culturalmente a cidade de Santiago”.