A veciñanza do rural da Pobra do Caramiñal poderá desfrutar de novas propostas de balde que lle achega a Concellaría da Participación Veciñal. Á creación dun xardín veciñal no centro sociocultural da Ribeiriña súmase agora o exercicio terapéutico baseado no tai-chi, que tamén se desenvolverá no do Vilariño.
O fisioterapeuta Sergio García será o encargado de impartir estas clases aos mércores, ás 19.00 horas, no Vilariño, mentres que na Ribeiriña serán aos xoves, ás 10.00 horas. Nas palabras da concelleira da Promoción Económica, Amparo Cerecedo, esta novidade busca “contribuír ao benestar emocional e físico das persoas participantes mediante movementos suaves e moderados con numerosos beneficios para a saúde, como a redución do estrés e a mellora do equilibrio, por poñer uns exemplos. Para iso, aplícanse técnicas de respiración abdominal, concentración e relaxación. Pero estas aulas tamén serven como un espazo onde socializar. Esta actividade adscríbese á axenda que deseña a Concellaría da Participación Veciñal para dinamiza-los nosos centros socioculturais e que a cidadanía de todo o municipio desfrute de propostas de lecer preto das súas casas.”
Tamén interveu o propio instrutor da actividade, quen manifestou que se pon o foco na vertente terapéutica desta práctica que une mente e corpo mediante exercicios de respiración, equilibrio, postura e relaxación.
As aulas comezarán na cuarta semana do mes de abril e estenderanse ata decembro, cunha duración dunha hora, agás nas primeiras sesións, que serán de noventa minutos para ir adaptándose á dinámica.
Existe un límite de dez prazas por grupo. As inscricións tramitaranse a través do enderezo electrónico participacionvecinhal@gmail.com. É preciso indica-lo nome, os apelidos, o DNI, o teléfono de contacto e o grupo ao cal se sumar.