Thursday 21 de November de 2024

A Xunta de Goberno Local aproba de xeito inicial dous novos convenios urbanísticos no ámbito do centro de saúde


A Xunta de Goberno Local aprobou na sesión deste luns dous novos convenios urbanísticos na zona do centro de saúde que permitirán completar a parcela destinada á ampliación do edificio de xeito que se poida acometer a reordenación definitiva de todo ese ámbito.

O 29 de outubro de 2021, o Consello da Xunta aprobou o Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que outorga prioridade 1 á creación dun Centro Integral de Saúde (CIS) en Carballo, sobre a base do actual centro de saúde, o que fai preciso ampliar o espazo dispoñible co obxectivo de dar cabida a novas consultas, especialidades e servizos. En total, 1.820,60 metros cadrados. Nunha comunicación remitida ao Concello de Carballo o 17 de novembro de 2022, a Consellería de Sanidade consideraba como única opción viable realizar a obra na parcela anexa ao centro de saúde.

O Concello de Carballo xa asinou un primeiro convenio co propietario da finca afectada para a obtención dos terreos necesarios para a nova edificación, formalizado coa publicación no Diario Oficial de Galicia (DOG) do 24 de novembro do 2023, e no que se ten en conta unha cesión previa realizada pola propiedade no ano 1988.

A parcela que acollerá o CIS linda polo leste con outras dúas propiedades, de 251 metros e 855 metros cadrados, situadas en terreos clasificados como solo urbano non consolidado coa cualificación de sistema local de equipamento para servizos viarios, e estes dous novos acordos aprobados hoxe fan referencia á cesión anticipada destas dúas parcelas, que se incorporarán ao ámbito para poder realizar unha reordenación completa e axeitada á nova infraestrutura sanitaria.

As persoas propietarias de cada unha das fincas asinaron xa os seus compromisos de cesión: José Antonio e Obdulia Varela Vilariño, titulares da parcela de 251 metros cadrados, e José, Ricardo, Antonio, Manuel-Raimundo, Alberto, Delia e Estrella Díaz Fraga ou os seus herdeiros, que ceden os outros 855 metros cadrados. Os convenios deberán ser ratificados unha vez realizado o trámite de información pública.

O Concello de Carballo xa aprobou na Xunta de Goberno Local do 25 de marzo o proxecto de urbanización do ámbito. As obras teñen un orzamento de 173.623,17 euros e un prazo de execución de sete meses.