Subliña que cada vez son máis as que persoas que optan pola nosa comunidade, “no pasado ano 2015 lideramos o crecemento turístico a nivel español”
O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe, durante a presentación de Turismo de Galicia en Fitur 2016, que Galicia se ten consolidado como destino turístico grazas a unha traballada estratexia de promoción turística e a aposta decidida pola máxima calidade. Unha aposta que fixo que a nosa comunidade pasara de contar con 16 empresas certificadas coa Q de Calidade a ter 268 en doce anos, engadiu. Neste senso, Feijóo sinalou que Galicia ten como obxectivo acadar neste ano 2016 a cifra dos cinco millóns de turistas.
O presidente dixo tamén que Galicia é un destino que atrae, convence e gusta. A nosa comunidade deixa unha profunda pegada que fai que os turistas veñan e regresen “é algo máis que un destino de moda ao que os medios internacionais lle están dedicando ampla cobertura”.
Cifras récord
Durante a súa intervención, Feijóo apuntou que cada vez son máis as persoas que optan pola nosa comunidade, “no pasado ano 2015 lideramos o crecemento turístico a nivel español” e salientou que se ten acadado un récord histórico tamén no que a turismo internacional se refire, con preto de 1,16 millóns de visitantes aloxados nos establecementos hoteleiros de Galicia.
Os obxectivos de viaxeiros, turismo internacional e ingresos marcados como meta para 2016- engadiu o presidente- alcanzáronse xa no 2014. Nese sentido, e xa mirando cara o futuro, apuntou que a nosa comunidade aspira a acoller un 25% máis de turistas internacionais, superar os cinco millóns de viaxeiros e a que o turismo exterior impulse o crecemento de Galicia con máis de 1.000 millóns de euros.
Actuacións e estratexias de promoción
Ademais, o mandatario galego amosou a súa intención de seguir revisando e mellorando a nosa oferta turística para aspirar a que Galicia sexa como un segundo fogar para cada un dos nosos visitantes.
Unha tarefa que xa se está levando a cabo con distintas actuacións, como a posta en marcha do Plan Director do Camiño de Santiago 2015-2020, a posta a punto dos recursos da Ruta Xacobea, a creación dun Manual de Sinalización do Camiño de Santiago ou a proxectada apertura de novos albergues.
Así como o acondicionamento do Monte do Gozo a través dun Plan de rehabilitación, aprobado recentemente, e que conta cun investimento de 1,2 millóns de euros. “O camiño de Santiago ten que ser a porta de entrada dos nosos visitantes e é o mellor embaixador da marca Galicia no mundo”, dixo.
Oferta turística diversificada
Por outra banda, Feijóo subliñou outros dos grandes atractivos da nosa comunidade, como a singular combinación de festexos gastronómicos populares e cociña de autor ou as moitas alternativas de ocio das que se pode disfrutar en calquera época do ano.
Entre elas, o Entroido, festa de gran interese etnográfico, os 21 balnearios que permiten desconectar aos visitantes e revelan o enorme potencial termal de Ourense, segunda maior potencia de Europa neste ámbito ou a Vuelta de España, cunha edición, a de 2016, na que Galicia terá máis protagonismo.