Friday 22 de November de 2024

O concello executará a segunda fase da mellora dos elementos de protección do Sendeiro de Saldoiro co financiamento de Turismo de Galicia


O orzamento alcanza os 89.000 euros.

A axencia Turismo de Galicia vén de comunicar ao Concello a concesión da subvención para o cofinanciamento da segunda fase do proxecto de renovación dos elementos de protección do Sendeiro de Saldoiro de Caión no marco da liña de axudas para actuacións de embelecemento do litoral galego do Plan de recuperación, transformación e resiliencia, financiado pola Unión Europea-Next Generation.
Esta nova intervención está valorada en 89.000 euros e dará continuidade á recentemente concluída -que presentaba un orzamento similar-, consistente na substitución dun tramo da varanda co dobre obxectivo de reforzar a seguridade e mellorar a estética para embelecelo e revitalizado como destino turístico.

A primeira fase do proxecto foi posta de exemplo polo Centro de Innovación e Servizos Tecnolóxicos da Madeira de Galicia (CIS Madeira) polo seu deseño integrador e o emprego da madeira de castaño como material de construción sostible e esteticamente axeitado á contorna do paseo marítimo. Na segunda fase intervirase dun modo idéntico nun novo tramo da varanda, de 180 metros de lonxitude, en dirección á entrada principal á praia das Salseiras.

Nos próximos días o proxecto sacarase a licitación para iniciar o procedemento de contratación das obras.