Membros da entidade elaboraron un guiso tradicional no Centro Cívico de San Pedro de Visma
Como cada 8 de abril, os membros de Secretariado Xitano na cidade organizaron un acto para conmemorar o Día Internacional do Pobo Xitano ao que asistiu a concelleira da Área de Benestar Social, Yoya Neira. Nesta ocasión, á tradicional lectura do manifesto sumouse a elaboración dun guiso tradicional, a pota xitana, que compartiron todas as persoas asistentes ao acto celebrado no Centro Cívico de San Pedro de Visma.
Neira agradeceulle ao Secretariado Xitano en nome da alcaldesa, Inés Rey, o seu traballo “na loita contra os prexuízos e a procura de vías de diálogo, de integración e de superación das barreiras”. “A nosa colaboración céntrase na integración, con maior incidencia na escolarización e a inserción laboral da mocidade, en especial as nenas e as mulleres”, subliñou Neira.
Pola súa banda, as persoas membros da entidade agradecéronlle ao Concello o apoio nas actividades de visibilización da cultura xitana. “A palabra chave é coñecer”, sinalou Santiago Barrul. “Coñecer a nosa cultura, a nosa historia e a nosa achega é a mellor forma de acabar cos prexuízos”, engadiu.
Mañá, un grupo de mozos e mozas de etnia xitana, que están a asistir a un itinerario formativo en hostalería organizado por Secretariado Xitano, asistirán a un taller de procura de emprego no Centro Municipal de Emprego. “Nesta visita recibirán unha charla de orientación e coñecerán as instalacións e posibilidades que ofrece o Centro Municipal de Emprego”, dixo Neira.
O acto terminou coa degustación da pota xitana e a verza xerezana que elaboraron dous membros da entidade e co recordatorio de que o ano que vén a celebración do 8 de abril centrarase na conmemoración dun fito histórico: o 600 aniversario da chegada documentada das primeiras persoas xitanas á península.