Friday 22 de November de 2024

Bases que Rexerán O II Concurso de Banda Deseñada de humor “Demo Pequeno”


BASES QUE REXERÁN O II CONCURSO DE BANDA DESEÑADA DE HUMOR “DEMO PEQUENO”, PROMOVIDO POR DEMO EDITORIAL E POLO MUSEO DO HUMOR XAQUÍN MARÍN
1) O premio convócase co obxectivo de achegar aos escolares galegos ao mundo da banda deseñada, fomentando a súa creatividade desde unha perspectiva humorística. Valorarase a composición do debuxo e o uso de diferentes técnicas pictóricas pero tamén a propia historia e o sentido humorístico da mesma.
2) Poderán participar no certame mozos e mozas de 8 a 16 anos, residentes en Galicia. A participación poderá ser a título individual ou por equipos de dúas persoas (guionista + debuxante), nas seguintes categorías:
. Infantil: de 8 a 11 anos
. Xuvenil: de 12 a 16 anos
3) Os autores e autoras participantes presentarán unha única historia curta de banda deseñada (máximo 1 páxina) ou tira cómica, con enfoque humorísitico e temática: “A revolución tecnolóxica está a cambiar o mundo. Como serán as profesións e o traballo do futuro? Cómo ve a mocidade o seu propio futuro, o mundo onde terá que traballar cando remate os estudos? Todo isto desde a perspectiva do humor e da crítica”.
4) A obra deberá ser inédita e orixinal. Presentarase en papel ou cartolina en tamaño 297×210 mm (DIN-A4) ou 297×420 mm (DIN-A3). Non se admitirán fotocopias.
5) Todos os textos que se inclúan na obra deberán estar redactados en galego aínda que tamén se poderán presentar traballos sen texto.
6) As obras poderán enviarse por correo postal a:
Museo do Humor Xaquín Marín

Acompañando á obra que se presente a concurso, adxuntarase nun sobre pechado (plica) toda a información sobre o autor ou autora do mesmo: título da obra, nome completo do autor ou autora (ou autores/as, no caso de presentarse por equipos), idade, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico).
Tamén se poderán enviar por correo electrónico, en formato PDF e coa mellor calidade posible, ao enderezo seguinte: museodohumor@gmail.com
Neste caso, adxuntaranse dous arquivos: un titulado “obra” e outro, “plica”. O arquivo denominado “obra” non incluirá ningunha referencia ao autor ou autora da mesma. No outro, indicarase a información seguinte: o título da obra, nome completo do autor ou autora (ou autores/as, no caso de presentarse por equipos), idade, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico).
. No caso de envíos por correo electrónico, a organización remitirá un email confirmando a recepción correcta do material.
7) O prazo de presentación de orixinais remata na medianoite do martes 30 abril de 2024 8) Premios
Categoría Infantil (de 8 a 11 anos)
∙ 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75€ e diploma.
∙ 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 50€ e diploma.
Categoría Xuvenil (de 12 a 16 anos)
∙ 1º Premio, dotado con 100 € en metálico, un lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 100€ e diploma
∙ 2º Premio, dotado cun lote de libros de banda deseñada de Demo Editorial, material de debuxo por valor de 75 € e diploma.

9) O xurado estará formado por Inés Vázquez e Víctor Boullón, autores de recoñecida traxectoria no ámbito da banda deseñada infantil e xuvenil coas súas obras Aldara e Aleida, protagonizadas as dúas por heroínas femininas; polo editor de Demo Editorial, Manel Craneo e pola responsable do Museo do Humor Xaquín Marín, Almudena Marcos.
10) O fallo do xurado darase a coñecer o luns 20 de maio a través da páxina web e/ou redes sociais de Demo Editorial, do Museo do Humor Xaquín Marín e dos medios de comunicación.
11) A entrega do premio terá lugar na primeira quincena do mes de xuño de 2024 nas instalacións do Museo do Humor Xaquín Marín de Fene
12) Os traballos gañadores e finalistas (no caso de habelos) e unha selección dos presentados ao concurso figurarán na exposición que organizará o Museo do Humor Xaquín Marín nos meses de xuño-xullo de 2024.
13) Calquera detalle non previsto polas presentes bases deberá ser resolto polo xurado que terá, asemade, a atribución de interpretalas. A decisión do xurado é inapelábel.
14) O envío dunha obra ao certame implica a aceptación de que os datos da plica sexan incorporados a unha base de datos para a xestión do premio. Unha vez emitido o fallo do xurado, a organización conservará o nome e enderezo electrónico das persoas participantes coa única finalidade de promover as seguintes convocatorias. Os autores e autoras poderán modificar ou eliminar estes datos dos arquivos da entidade convocadora, segundo se detalla na regulamentación correspondente, solicitándoo por correo electrónico ao mesmo enderezo de participación. A eliminación dos datos antes da resolución do premio implica a retirada do concurso da obra correspondente.