Friday 22 de November de 2024

Igualdade publica unha instrución que aclara a forma de acreditar o requisito de ingresos para a convocatoria de axudas ás Anpas


Poderá presentarse a declaración do IRPF directamente polas familias á Secretaria Xeral de Igualdade, ou una autorización expresa para a consulta e obtención telemáticas das certificacións polo organismo autonómico

A Secretaria Xeral de Igualdade vén de publicar unha Instrución pola que se aclara a forma de acreditar o requisito de ingresos das unidades familiares para a convocatoria de axudas dirixidas ás Anpas, para a realización de actividades extraescolares ca finalidade de facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral neste curso escolar.

O pasado mes de decembro, publicouse coma todos os anos, a convocatoria para as axudas para a realización, polas asociacións de nais e pais do alumnado, nos centros educativos públicos de Galicia, de programas de actividades complementarias e extraescolares que teñan coma fin facilitar a conciliación da vida persoal, familiar e laboral cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Estarán cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, nunha porcentaxe do 80 %, a través do programa operativo do FSE Galicia 2014-2020, no obxectivo temático 8 «promover a sustentabilidade e a calidade no emprego e favorecer a mobilidade laboral»; prioridade de investimento 8.4 «a igualdade entre homes e mulleres en todas as áreas, incluído o acceso ao emprego e á carreira profesional e a conciliación da vida laboral e a privada así como a promoción do salario igualitario pola realización do mesmo traballo»; obxectivo especifico 8.4.2 «(Re) integrar no mercado laboral as persoas con dependentes ao seu cargo, a través de medidas de conciliación da vida persoal e laboral, fomentar a igualdade de xénero no ámbito formativo, educativo e laboral.

En aras de simplificar e facilitar ás Anpas a presentación e xustificación destas axudas, esta instrución especifica que débese presentar a declaración do IRPF ou a certificación da Axencia Estatal da Axencia Tributaria (AEAT), ben directamente polas familias a través da Secretaria Xeral da Igualdade, previa autorización expresa das persoas da unidade familiar para a consulta e obtención telemática das certificacións da Axencia Tributaria, ou no caso de non autorizar a consulta, as familias poderán achegar a correspondente documentación xustificativa.

De optarse por autorizar a consulta á Secretaria Xeral da Igualdade deberá utilizarse obrigatoriamente o modelo publicado na paxina web http://igualdade.xunta.es. Tanto a autorización como a documentación xustificativa dos ingresos, deberá achegarse a través da Anpa, a efectos da súa incorporación ao expediente administrativo

Axudas Anpas
A convocatoria de axudas foi publicada no DOG o pasado 30 de decembro, e teñen coma finalidade a realización de programas de actividades complementarias e extraescolares por parte das asociacións de nais e pais de alumnos/as (ANPAS) dos centros educativos públicos galegos. Estas actividades deben estar dirixidas ao alumnado de educación infantil, primaria e de centros de educación especial e ter como fin contribuír á conciliación da vida persoal, familiar e laboral durante o curso escolar 2015/2016.

O importe das axudas é de 250.000 euros, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e cada Asociación de nais e pais pode presentar unha única solicitude ao abeiro desta convocatoria. A contía máxima da axuda que se pode conceder é de 6.000 euros.