En plena celebración do mes do libro, o Concello de Neda programa este venres, a partir das 20.30 h, unha nova presentación literaria na Casa das palmeiras. Desta volta, Juan Galán achegarase á vila para falar do seu último libro, o thriller Las tribulaciones de Bruno Lamas.
A obra, editada por Círculo Rojo, é unha trama política ambientada na ditadura franquista, cun relato central ao redor da degradación do xornalista Bruno Lamas, confidente Brigada Político Social, ao que se suman outras historias como a investigación sobre o naufraxio do Santa Isabel en Sálvora.
Na presentación da que é xa a súa terceira novela, Galán, escritor e investigador da Memoria Histórica, estará acompañado pola autora local Sara González Veiga.
Grazas a Las tribulaciones de Bruno Lamas, os lectores de Neda terán a ocasión de reencontrarse co autor coruñés, afincado en Ferrolterra. Galán xa estivera na vila para falar do seu debut literario (Romanza de los naranjos en flor ) e posteriormente coa súa segunda novela El eco de tu voz.