O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou no acto de entrega de premios ás e aos gañadores
Un total de 1.073 personas participaron esta mañá na carreira popular da Volta a Oza, a segunda das probas incluídas nesta nova edición do circuíto Coruña Corre, que chegou hoxe aos barrios dos Castros, O Castrillón e Eirís. Os corredores gozaron dun gran día de competición, cunhas inmellorables condicións meteorolóxica nun espazo inigualable.
A xornada, que arrancou ás 10.00 horas coa disputa da carreira en categoría absoluta, comezou no parque de San Diego, punto de partida dun percorrido de 6.250 metros que xa foi esixente no primeiro sector, coa subida pola pendente da avenida da Concordia. A continuación, a proba pasou polas rúas interiores do Castrillón e a contorna de Pablo Iglesias, os parques de Eirís e Oza e, finalmente, polo sector da rolda de Outeiro próximo á avenida do Exército, con final no parque de San Diego.
Álvaro Presedo e Irati Lorza, foron os vencedores da proba absoluta en categoría masculina e feminina, cuns tempos de 21.19 minutos e 25.38 minutos, respectivamente.
Ademais, entre as 11.30 a 12.30 horas tiveron lugar as probas correspondentes ás categorías inferiores, coa participación de rapazas e rapaces en idade sub-18, sub-16, sub 14, sub-12, sub-10 e tamén en peques, ideada para as crianzas.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, participou no acto de entrega de premios ás e aos deportistas gañadores da xornada, e animou as coruñesas e coruñeses a participar nas vindeiras citas do circuíto Coruña Corre, destacando o apoio e compromiso do Goberno de Inés Rey para reforzar a posición da Coruña como unha cidade modelo no referente á promoción da actividade deportiva e os hábitos saudables.
A próxima cita do circuíto Coruña Corre, en San Pedro de Visma
Tras a Volta a Oza, a XI edición do circuíto de carreiras populares Coruña Corre volverá á actividade a mediados do próximo mes. Será o domingo 12 de maio, co desenvolvemento da carreira de San Pedro de Visma, a terceira cita do calendario.
O Concello habilitará proximamente a inscrición na proba, que partirá ás 10.00 horas desde o cruzamento entre as rúas Aguillón e San Pedro de Visma, na contorna do centro cívico municipal do barrio.
Os diversos percorridos previstos tanto en categoría absoluta como en categorías inferiores xa se poden consultar a través desta ligazón.