É a ferramenta que permitirá aos profesionais da Administración de Xustiza o acceso e consulta dos expedientes electrónicos desde calquera dispositivo
O vindeiro mes de febreiro iniciarase a pilotaxe do visor do expediente xudicial electrónico, a solución multidispositivo que permitirá aos profesionais da Administración de Xustiza o acceso e consulta dos expedientes electrónicos.
Así o anunciaron o vicepresidente e conselleiro de Presidencia, Administracións Públicas e Xustiza, Alfonso Rueda, e a directora da Amtega, Mar Pereira, na reunión que mantiveron hoxe en Santiago cos maxistrados da Sala de Goberno de Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, os xuíces decanos das sete grandes cidades, e os presidentes das Audiencias Provinciais para analizar as actuacións máis inmediatas do Plan Senda 2020 para consolidar a dixitalización da Xustiza e avanzar cara o cero papel.
Primeiro semestre de 2016: en marcha tres pezas do EXE
Os representantes autonómicos destacaron o nivel de implantación en Galicia de Lexnet, un dos piares para conseguir o cero papel no eido xudicial, un obxectivo que se consolidará de xeito progresivo coas medidas previstas polo Plan Senda 2020 para acadar o Expediente Xudicial Electrónico (EXE). Neste sentido, destacaron que no primeiro semestre do ano pilotaranse tres pezas chave do EXE: o visor do expediente xudicial, o sistema de Xestión de Arquivos físicos e pezas de convicción, e a entrada en funcionamento da sede electrónica xudicial.
A pilotaxe do visor do expediente xudicial electrónico arrancará en febreiro para continuar a súa implantación progresiva tras o período de probas. A seguinte actuación prevista será a entrada en funcionamento do Sistema de xestión de arquivos físicos e almacéns de pezas de convicción, que posibilitará a xestión do ciclo de vida completo dos documentos e expedientes xudiciais en papel (arquivo físico) e os bens incautados (pezas de convición) con garantías de control na súa conservación.
Tamén no primeiro semestre de 2016 arrincará a sede electrónica xudicial que servirá como canle de comunicación electrónica segura da Administración de Xustiza cos cidadáns e os profesionais, complementando os servizos do portal eXustiza. Nunha primeira fase posibilitará a presentación electrónica dos procedementos monitorios.
Lexnet, 10 millóns de notificacións en Galicia desde 2010
Durante a reunión tamén se fixo balance da situación de Lexnet en Galicia, que no que vai de ano rexistrou 4.595 demandas e 46.394 escritos, e máis de 200.000 notificacións.
Galicia iniciou a implantación de Lexnet en 2010 rexistrando en cinco anos máis de 10 millóns de notificacións e integrando a 15 colectivos no seu uso. Este sistema de intermercambio seguro de documentación entre axentes xudiciais é unha das pezas para acadar o cero papel na Administración xudicial.