Saturday 16 de November de 2024

Gonzalo Muíños insta ao goberno local a acometer actuacións urxentes de limpeza e reparación de fochancas no parque Mosquera Pérez en Vista Alegre


O portavoz dos socialistas denuncia o abandono dos xardíns con unha “gran masa de follas acumuladas que xa se están a converter en barro e supoñen un perigo para os peóns”

Reclama actuacións tamén na calzada que discorre polo parque con “importantes fochancas”

Logo de recibir varias queixas da veciñanza da zona, o Grupo Socialista reclamará no vindeiro pleno actuacións urxentes nos xardíns Mosquera Pérez, en Vista Alegre, que leva “varios meses nun estado de abandono que vai a máis”. Gonzalo Muíños insta ao goberno local a proceder á recollida de follas “xa que hai grandes acumulacións que xa se están a converter en barro e supoñen un perigo para os peóns” explica, incidindo ademais que “esa masa está a obstruír ademais as arquetas nos días de chuvia”.

O portavoz dos socialistas pide ademais que se acometan actuacións de ‘rebacheo’ mentres non se poida acometer o asfaltado da rúa que atravesa parte do parque, toda vez que presenta “importantes fochancas” que nas últimas semanas “foron a máis” a causa do tempo meteorolóxico.

“Estamos falando de actuacións do día a día, que non habería tan sequera que levalas ao pleno” explica Muíños que lle pide ao executivo de Sanmartín maior “dilixencia nas cousas do cotián”, porque “semella que entre tanto anuncio de grandes revolucións no Concello estase a esquecer das pequenas cousas, e non tan pequenas, nos barrios e nas rúas”.