Friday 22 de November de 2024

Oleiros lembra a José Couso lamentando a impunidade do seu asasinato en Bagdag


“Cando lle din un bico na fronte ao corpo do meu sobriño xurei que mentres me quedase un sopro de vida dedicaríame a reclamar reparación e xustiza para José Couso”. Esas foron as emotivas palabras do seu tío, Rafael Permuy, no acto celebrado esta mañá en Perillo co que se pretendía continuar denunciando que os responsables do asasinato do xornalista galego hai 21 anos no hotel Palestina de Bagdad seguen sen responder por este crime de guerra ante a xustiza española.

No acto tamén participou o alcalde de Oleiros, Ángel García Seoane, outro tío de Couso, Francisco, e o xornalista Alfonso Hermida, en representación da plataforma Defende A Galega, premiada co galardón José Couso á liberdade de prensa do Colexio de Xornalistas de Galicia.

Tras agradecer á familia de José Couso a súa presenza, o alcalde culpou ao “veleno da avaricia” de todas as guerras provocadas polos Estados Unidos, como a que acabou coa vida de Couso. “ Un profesional da nosa terra que foi atacado covardemente xunto a outros compañeiros mentres facían o seu traballo de informarnos, porque a pesar das numerosas presións exercidas polos Gobernos de Bush e Aznar, houbo xornalistas decentes e valentes como José Couso que decidiron arriscar a súa vida para que puidésemos coñecer que a realidade non era a que nos contaba o chamado trío das Azores: non había armas de destrucción masiva en Iraq, tal e como anos despois recoñeceron Bush e Blair, a diferencia de Aznar que segue instalado na mentira”, dixo o alcalde.

O cuarteto de gaitas Os Ozóns, César de Centi e Fito Mansilla puxeron a música neste emotivo e reivindicativo acto.