O grupo da Escola municipal de teatro infantil de Neda participará a final de mes no XXV Certame de Teatro Escolar e Afeccionado da Deputación da Coruña, que organiza o IES Rosalía Mera. O cadro actoral competirá con “Tele 13. Un horror de canle”, unha obra que pre-estreará o día 24 de abril no municipio.
O grupo nedense, dirixido por Marián Rei, participará na categoría de cadetes deste concurso provincial, destinado a pór en valor o traballo escénico que realizan as compañías escolares e as afeccionadas, recoñecendo o talento das novas xeracións de actores e actrices.
Haberá en total 69 representacións no salón de actos do IES Rosalía Mera dende hoxe e ata entrado o mes de xuño. A quenda da Escola municipal de teatro infantil chegará o 25 de abril. E xusto un día antes (o mércores 24 de abril, ás 19 h), o grupo representará esta comedia na Casa da Cultura de Neda.
O elenco da obra está formado por Sara Carneiro, Noelia Casal, Bernabel Menéndez, Erika Sandá, Sofía Rego, María Souto, Martina Chao, Alicia Lucía Tojeiro, Claudia Llamas, Noelia Sanmartín e Lino Carneiro (este último exerce ademais como axudante de dirección). No proxecto colaboran ademais Óskar Gáez, creación audiovisual, e Ángela Roca coa maquillaxe.
No XXV Certame de Teatro Escolar e Afeccionado premiaranse ás mellores obras, as actuación máis destacadas, á mellor interpretación de reparto e a dirección artística. O xurado estará formado por persoas con formación e experiencia nas áreas da literatura, a interpretación, a dirección e as artes escénicas.