Thursday 21 de November de 2024

Frades aproba os orzamentos para 2024, que ascenden a 2,39 millóns de euros e destinan o 42% a servizos para a veciñanza


Contemplan case 620.000 euros para investimentos, case un 4% máis ca no exercicio anterior

O Pleno de Frades aprobou os Orzamentos para 2024, que ascenden a 2.394.211,83 euros e medran un 1,28% con respecto ao ano 2023. Unhas contas que “garanten a eficacia e a eficiencia do sistema municipal, co obxectivo de ser unha entidade solvente e ben xestionada que lle ofreza os mellores servizos aos seus veciños e veciñas”, asegurou o alcalde de Frades, Roberto Rey Martínez, quen destacou que os Orzamentos de 2024 “aumentan o investimento tanto en obras e infraestruturas como en servizos sociais”. As contas saíron adiante cos votos a favor do Grupo de Goberno do PP e as abstencións de PSOE e BNG.

Os orzamentos de 2024 están equilibrados e ascenden a 2.394.211,83 euros, un 1,28% máis ca en 2023. Roberto Rey presentou unhas contas das que destacou o seu forte carácter investidor e social. Así, a partida destinada a investimentos reais ascende a 619,816,76 euros, un 3,95% máis ca en 2023. Un capítulo que representa o 25% do total do Orzamento..

Por outra banda, o capítulo de bens correntes sitúase xa nos 1.021.000 euros e representa o 42,68% do gasto total. Uns cartos que permitirán financiar os costes de servizos como a recollida de lixo, saneamento, abastecemento de auga, alumeado público, mantemento de áreas públicas, roza de estradas, mantemento de camiños municipais, actividades deportivas, culturais e a financiación dos Servizos Sociais de Frades, entre os que se inclúen fisioterapia, podoloxía e perruquería gratuítas a domicilio para as persoas maiores e dependentes.

A maiores, Rey Martínez lembrou que o Concello de Frades ten delegadas na Mancomunidade de Ordes a prestación do servizo de axuda a domicilio, nas modalidades de libre concorrencia como de dependencia, atención temperá, igualdade, CIM, traballo social… “Se sumáramos estes gastos ao capítulo de bens correntes estaríamos falando de case 420.000 euros máis en inversión en servizos”, xustificou Rey Martínez. Finalmente, o capítulo de gastos de persoal medra un 1,52% ata os 527.347 euros e contempla un incremento do 2%.

Non incremento de taxas

No que atinxe aos ingresos, o alcalde explicou que “manteremos as bonificacións do 95% da cota íntegra do IBI naqueles inmobles onde se desenvolvan exclusivamente actividades agrarias ou gandeiras pertencentes ao sector primario. Deste modo, o Concello renuncia a 30.000 euros de ingresos que quedan nos petos dos nosos gandeiros e gandeiras. E manteremos tamén a redución da taxa do lixo, trasladando a redución que nos fai a Xunta pola boa separación do lixo e que nós trasladaremos aos veciños e veciñas de Frades”. As previsións de ingresos por taxas municipais é de 230.000 euros, 422.000 euros por impostos directos (IBI, IAE, Vehículos) e 30.000 euros por impostos indirectos.

Debate plenario

As contas saíron adiante cos votos a favor do Grupo de Goberno do PP e as abstencións de PSOE e BNG, que non entraron a debatelas no pleno, remitíndose aos puntos sinalados na Comisión de Contas. Así, ambos voceiro coincidiron en que “o que se ingresa, gástase, pero cada un teriamos as nosas preferencias á hora de gastalo”.

Ordenanzas

No resto da sesión, o pleno aprobou a creación dunha ordenanza fiscal reguladora de taxa por prestación de servizos de dirección de obra, pola coordinación de seguridade e saúde, inspección e liquidación de obras, que se aplicará ás obras que contrate o Concello de Frades, non aos veciños e veciñas do municipio. Saíu adiante cos votos a favor do PP e as abstencións do PSOE e do BNG.

Tamén se aprobou a modificación da ordenanza fiscal reguladora do imposto sobre Construcións, Instalacións e Obras, que antes se pagaba cando xa se tramitara a licenza de obra e que agora deberá aboarse cando se presenta a solicitude. O cambio foi aprobado cos votos a favor de PP e BNG, e a abstención do PSOE.

Ademais, aprobouse por unanimidade a creación da ordenanza municipal reguladora dos servizos sociais especializados de podoloxía, perruquería e fisioterapia a domicilio, que antes simplemente estaban regulados polas bases da convocatoria. Así mesmo, aprobouse a solicitude dun traballador municipal para poder compatibilizar o seu traballo con tarefas relacionadas coa carpintería de aluminio a tempo parcial; e solicitarlle a un veciño a devolución de 24 metros cadrados de dominio público que este particular agregara á súa parcela.

Mocións

Finalmente, na quenda de mocións, o pleno aprobou a presentada polo grupo popular na que se pide “que os galiñeiros para autoconsumo queden fora do decreto do Goberno”, a quen acusaron de “lexislar de costas ao territorio” e de “incrementar a carga administrativa dos veciños e veciñas de Galicia”. A moción aprobouse coas abstencións do BNG e do PSOE. A voceira nacionalista, Belén Pazos González, defendeu o sistema anterior, criticando ao Goberno do Estado por “ignorar a peculiaridade de Galicia” e á Xunta por “non dotar ás oficinas comarcais de máis persoal” para tramitar as novas altas de galiñeiros. O voceiro socialista, Enrique Astray, asegurou que era “un tema complicado” e que “a Consellería podería ter feito algo máis” á hora de presentar alegacións, criticando “que a Xunta non fose capaz de facerlle entender ao Goberno do Estado, como se fixo coa apicultura”.

Así mesmo, desestimouse unha moción do PSOE na que se solicitaba o apoio do Pleno de Frades aos obxectivos de estabilidade establecidos polo Goberno para os anos 2024-2026 e o límite de gasto dos orzamentos de 2024. Ademais, de “instar ao Goberno municipal a que explique por que o PP da menos capacidade de gasto ao Concello de Frades”, estimando que “reduciuse en 200.000 euros a capacidade de gasto en Frades”, apuntou Enrique Astray.

A voceira nacionalista, Belén Pazos, preguntou se “en serio imos debater esta proposta cando é o Goberno quen non vai aprobar orzamentos para o 2024 e xa din que traballan nos de 2025”, para remarcar que “dende o BNG sempre nos opuxemos a fixar límites de gasto”. Pola súa banda, o concelleiro de Economía, Manuel Ferreiro, preguntoulle ao voceiro socialista “de onde saíron eses 200.000 euros”, lembrando que “vostedes piden que deixemos un superávit do 0,2% e nos orzamentos que acabamos de aprobar é do 0,46%”

Ante a incapacidade do voceiro socialista de xustificar de onde saían os 200.000 euros que Frades non ía poder gastar en 2024 pero que eran “de aplicar ese 0,2%”, Manuel Ferreiro acusou aos socialistas de mentir, xa que esa porcentaxe suporía apenas 4.700 euros. Un punto que corroborou a secretaria municipal, quen explicou aos presentes como se calcularía esa cantidade e, ademais, indicou que de haber eses 200.000 euros de superávit, parte tería que ser empregada en pagar a débeda municipal.

Pese a recoñecer que “pode ser que o calcularamos mal”, os socialistas mantiveron a súa moción, que foi rexeitada cos votos en contra do PP, a abstención do BNG e os votos a favor do PSOE. Manuel Ferreiro pediulle seriedade ao grupo socialista porque “estádelles dicindo á xente que se perden 200.000 euros e iso é moitísimo diñeiro para un concello pequeno como Frades, sobre todo cando a realidade amosa que non son nin 4.700 euros. É matemática pura”.