No primeiro trimestre executáronse varias actuacións de mellora de saneamento e viais municipais con cargo a diferentes plans de financiamento
Nas próximas semanas comezarán novas obras que xa foron licitadas polo Concello de Fene
O Concello de Fene deu conta esta mañá das actuacións de mellora das infraestruturas municipais executadas durante o primeiro trimestre do ano, así como tamén da relación de obras que centrarán o groso dos traballos que a Concellaría de Obras desenvolverá nas próximas semanas.
Entre as obra que xa foron concluídas atópase a ampliación da rede de saneamento e augas residuais no Feal (Magalofes), cun importe de 80.671,68 €. Así mesmo, realizáronse varias actuacións de mellora de viais municipais, como no Camiño do Redondo, onde se investiron 65.101,30 € para a mellora e adaptación do firme co obxectivo de incrementar a seguridade e a accesibilidade. No Camiño de Mundín, ademais do aglomerado, realizouse un pequeno muro de contención e ampliouse o ancho útil do vial, cun importe total de 92.888,20 €. Os traballos realizados na Rúa do Campanario (Limodre) serviron para incrementar a sección de paso e mellorar a drenaxe por 45.501,98 €.
Na actualidade, atópase en proceso de execución as obras do Camiño do Castelo e Estrada de Laraxe, cun orzamento de 48,977,45 €. Esta actuación contempla a pavimentación de preto de 800 metros de vías municipais, ademais de traballos de mellora da redes de auga potable, rede de augas fecais, drenaxe e sinalización.
“Coas actuacións que executamos neste comezo de ano estanse a mellorar as infraestruturas existentes, e a dar solución a demandas veciñais que veñen de longo”, apuntou o concelleiro de obras, Manuel Polo. O concelleiro valorou moi positivamente “o resultado destas obras” xa concluídas e avanzou “unha importante nova remesa de obras que están para comezar”, logo das últimas licitacións levadas a cabo polo Concello de Fene.
Obras previstas para as próximas semanas
Nas próximas semanas están previstos os inicios dos traballos de varias obras que xa foron licitadas. Entre elas destaca a mellora do camiño no entorno do Campo de Fútbol de Perlío e Camiño de Loira, con cargo ao POS+2022 e cun investimento de 41.178,88 €. O aglomerado que contempla esta actuación demorouse ao detectarse a necesidade de substituír o saneamento e a traída da auga na zona de Loira polo mal estado no que se atopou. Isto levou ao Concello de Fene a investir 28.846,40 € adicionais para o acondicionamento da rede de saneamento e algo máis de 11.000 € para a actualización da traída da auga.
Outra actuación de gran relevancia é a reurbanización da rúa Antonia Montero, que permite a comunicación peonil e rodada entre a estrada AC-133 e a estación do ferrocarril de Perlío. A existencia de varias canalizacións de servizos soterrados, xunto co gran tránsito que soporta, fan que a rúa e as beirarrúas estean en mal estado. Isto levou ao Concello de Fene a proxectar unha actuación integral, que contempla a renovación dos servizos de saneamento, o soterrado dos servizos de alumeado e rede eléctrica e a renovación dos pavimentos e beirarrúas. O investimento nestes traballos será de 178.456,43 €.
Por outra banda, no Camiño Grande – O Cotillón, A Fraga e O Sino (Limodre) empregaranse 103.144,83 € para a dotación do servizo de abastecemento municipal. Esta obra, xunto coa da rúa Antonia Montero, financiaranse con cargo ao POS+ Adicional 2/2021.
Por último, en San Valentín desenvolveranse a primeira fase da nova Área Recreativa que se dotará no entorno do paseo marítimo. Cun investimento de 50.186,29 €, esta actuación consistirá na instalación de sendas peonís, zonas de estancia, áreas de xogo infantil e de ximnasia para adultos, así como un parque canino.