Friday 22 de November de 2024

A Banda Municipal enfila a recta final da súa tempada de primavera cun novo concerto que suporá o reencontro co director valenciano Manuel Godoy


Godoy, que xa dirixiu á agrupación no ano 2018, será o convidado especial que levará a batuta na actuación deste domingo 7. Será no Teatro Colón, ás 12.15 horas, con acceso libre ata completar aforo

O Concello da Coruña promove esta fin de semana un novo concerto da Banda Municipal de Música da Coruña (BMMC), que chega á recta final da súa tempada de primavera coa penúltima das actuacións previstas na súa programación.

Será este domingo 7 (12.15 horas) no Teatro Colón, co director valenciano Manuel Godoy como protagonista. Godoy goza dun amplo percorrido profesional, recoñecido a nivel internacional. En anos previos, estivo á fronte de orquestas e bandas profesionais como a Costa Atlántica de Portugal, así como das bandas de Barcelona e Palma de Mallorca, entre outras. Agora, como convidado, dirixirá á da Coruña.

Cómpre lembrar, ademais, que non será a primeira colaboración de Godoy coa BMMC. Xa no ano 2018, coincidindo coa tempada na que se conmemorou o 70º aniversario da Banda, o director levou a batuta nun concerto que tivo lugar no Palacio da Ópera.

Composicións de Berlioz e Joaquín Turina, no programa deste domingo

O concerto estará dividido en dúas partes, con obras orixinais para Banda. A primeira abrirase cunha composición do francés Hector Berlioz, figura destacada do romanticismo, seguida por outra peza de Robert Jager.

Xa na segunda parte “destaca ‘Rebroll’, de Salvador Brotóns e tamén ‘La Procesión del Rocío’, unha estampa sinfónica descriptiva, obra de Joaquín Turina”, apunta o director titular da BMMC, Juan Miguel Romero Llopis.

Acceso de balde ata completar a capacidade prevista

Como xa é habitual, o concerto da Banda Municipal previsto para este domingo 7 de abril no Teatro Colón será de acceso libre ata completar a capacidade prevista no auditorio. Desta forma, o Goberno de Inés Rey busca poñer en valor a tradición, o traballo e a cultura das principais formacións musicais coruñesas, achegándoas á cidadanía.