Friday 22 de November de 2024

O Concello habilita dous novos aseos autolimpables na contorna da Torre de Hércules e As Lagoas


Están dispoñibles desde hoxe e completaranse con outros tres aseos públicos xa proxectados e que sairán a licitación nos vindeiros meses

O Concello da Coruña instalou dous novos aseos para o uso cidadá, ampliando a rede de servizos públicos da cidade. Os novos aseos dan continuidade ao plan posto en marcha polo Goberno de Inés Rey no pasado mandato para o reforzo da rede de baños públicos, ampliando o contrato de alugueiro e mantemento de aseos químicos co obxectivo de contar con máis aseos nas rúas.

Os servizos, dispoñibles dende hoxe, están localizados no Paseo Marítimo. Un nas Lagoas, concretamente no número 65 do Paseo Marítimo; e outro na contorna da Torre de Hércules, na explanada do aparcadoiro, moi demandado pola grande afluencia de visitantes no enclave turístico.

Ambos son accesibles e autolimpables. “Os aseos públicos son uns dos elementos máis demandados, tanto por persoas de idade avanzada como de familias con nenos e nenas, e o noso compromiso é seguir dotando A Coruña de máis servizos” explicou Rey.

Este tipo de aseos facilitan o mantemento e limpeza dos aseos como espazos públicos, xa que contan cun sistema de lavado automático de chan e inodoro despois de cada uso. Este actívase cando a persoa usuaria do servizo sae, accionándose co peche da porta. “A limpeza dos espazos públicos é competencia municipal mais tamén esixe un uso concienciado da cidadanía, respetando os servizos que son de todos e todas”.

A Coruña conta na actualidade con 56 unidades de aseos públicos entre os diferentes tipos (químicos, automáticos e de obra) para dar servizo aos cidadáns e cidadás que transitan pola rúa. O Goberno de Inés Rey prevé continuar ampliando a rede de servizos públicos coa licitación, nos vindeiros meses, de tres novos aseos autolimpables co obxectivo de que estén habilitados este mesmo ano. A actuación contou cun investimento de 132.121,30 euros para a súa adecuación, subministro e instalación.