Saturday 16 de November de 2024

Presentadas no primeiro trimestre do ano 12 comunicacións previas relacionadas con actividades empresariais


A Oficina Técnica Municipal tamén recibiu entre xaneiro e marzo solicitudes de licenza para a construción de 2 naves industriais e 6 vivendas unifamiliares

O Concello de Carballo recibiu no primeiro trimestre deste ano 12 comunicacións previas relacionadas con actividades empresariais, na súa maioría para a posta en marcha de novos negocios, e ademais moi variados. Por poñer algúns exemplos, entre as iniciativas emprendedoras en marcha figuran un centro de beleza, unha consulta de psiquiatría, unha academia de ensino, un taller de reparación de rodas, un ximnasio, tendas de roupa, oficinas ou un local de venda de empanadas e alfajores. Noutros casos o que se tramita é un cambio de actividade ou de titularidade de establecementos, varios de hostalaría.

A actividade empresarial no noso concello non só se reflicte nos datos de actividade, senón tamén nos de obras de construción e renovación. Entre xaneiro e marzo presentáronse no Rexistro Municipal solicitudes de licenza para a construción de 2 naves industriais no polígono de Bértoa, onde este tipo de obras teñen os días contados porque xa só quedan 3 parcelas dispoñibles.

En canto aos proxectos de edificación residencial, nestes tres meses presentáronse solicitudes de licenza para a construción de 6 vivendas unifamiliares.