Tamén se aprobou con carácter definitivo o Plan Parcial AR-S1 “Gallega de Mallas”.
No Pleno ordinario celebrado hoxe aprobouse -coa única abstención do grupo municipal do PSOE- o suplemento de crédito e o crédito extraordinario que permite incorporar aos orzamentos deste ano un total de 1.364.175,62 euros para diversos fins de interese xeral para a cidadanía larachesa co remanente líquido de tesourería para gastos xerais como fonte de financiamento.
Entre as actuacións que se levarán a cabo con eses fondos destacan os máis de 400.000 euros que se destinarían á mellora das infraestruturas e equipamentos deportivos e os 200.000 euros para obras na rede viaria municipal. Con preto de 210.000 euros reforzaranse as partidas relacionadas coa organización de iniciativas, eventos e actividades para a promoción da cultura e do deporte. Tamén serán financiados proxectos dirixidos á protección do patrimonio municipal con intervencións na Ribeira de San Fins e no Castro de Montes Claros. E queda consignado o crédito necesario para a adquisición de terreos en puntos estratéxicos que permitan ampliar os espazos públicos en zonas de especial interese medioambiental, patrimonial e educativo. Outros apartados céntranse no incremento das partidas orzamentarias de promoción do emprego, apoio ao tecido empresarial, asistencia social primaria e novos investimentos nas redes de saneamento e abastecemento de auga, alumeado público, mobiliario urbano e sinalización viaria.
Continuando coa orde do día, dous dos asuntos que saíron adiante coas abstencións dos grupos municipais do PSOE e do BNG están relacionados coa tramitación do Plan parcial AR-S1 “Gallega de Mallas” promovido pola sociedade Inmobiliaria Gabenlle coa finalidade de crear unha nova área comercial nunha parcela situada na entrada ao núcleo urbano da Laracha en dirección A Coruña, xunto á estrada AC-552. Trátase, por unha parte, da aprobación definitiva do citado plan, que é a ferramenta urbanística que posibilitará o desenvolvemento do ámbito e a súa incorporación á trama urbana da vila da Laracha, e, por outra banda, do cambio de sistema de compensación a concerto, que foi solicitado pola promotora para asumir a actuación urbanística como propietaria única.
O Pleno tamén acordou por unanimidade incorporar ao inventario municipal a antiga Escola da Areosa como un inmoble de uso sociocultural, solicitando ao mesmo tempo á Consellería de Educación a desafectación do edificio escolar, que deixou de ter esa función hai case tres décadas.
Ademais, aprobouse con carácter inicial, tamén co acordo dos tres grupos municipais, a modificación da ordenanza municipal reguladora das axudas económicas por emerxencia social co obxectivo de actualizala á situación real das persoas solicitantes. O texto será sometido a información pública por un período de trinta días para que poidan presentarse as reclamacións ou suxestións que se estimen oportunas antes de elevar a aprobación a definitiva.
Ademais, deuse conta das 283 resolucións de Alcaldía ditaminadas desde o Pleno ordinario anterior e da liquidación orzamentaria do exercicio económico 2023, pechado en 14.896.384,04 euros, cun incremento de máis do 51 % con respecto á previsión inicial.
Salientar, po último, a aprobación de dúas mocións. Unha foi de apoio ao sector agrogandeiro -co voto en contra do PSOE- e a outra, solicitando ao Goberno central a supresión da obriga de rexistrar as explotacións avícolas para autoconsumo -co voto en contra do PSOE e a abstención do BNG-.
Tal é como é habitual nos Plenos ordinarios, a sesión comezou gardándose un minuto de silencio en sinal de respecto e homenaxe ás mulleres vítimas da violencia de xénero.