Monday 25 de November de 2024

Gonzalo Castro presenta a mostra fotográfica ‘On the road’ na Casa Museo Casares Quiroga


A exposición conta con imaxes de sete autores do colectivo Ollo Atlántico e está aberta ao público ata o 4 de maio

O concelleiro da Área de Fomento e Promoción da Cidade, Gonzalo Castro, presentou esta tarde a mostra fotográfica ‘On the road’ do colectivo Ollo Atlántico, que quedou aberta á cidadanía na Casa Museo Casares Quiroga ata o vindeiro 4 de maio. Trátase dun proxecto expositivo para amosar o traballo que levan a cabo sete autores deste colectivo.
“Na Coruña contamos con diferentes espazos expositivos de primeiro nivel, como é o caso desta Casa Museo, nos que lle ofrecemos á cidadanía numerosas posibilidades para achegarse ao eido cultural nas súas distintas vertentes, como a fotografía”, indicou Gonzalo Castro durante o acto. A mostra conta con fotografías de Hermano Lobo, Gerardo G. Mourín, Fran Balseiro, Andrea Ratto, Lestonnac Ibáñez, Lou Escandell e Luis Gonçalves.

A temática das imaxes seleccionadas é variada, desde a cotidianidade do día a día, o extraordinario dunha viaxe, o retorno ás lembranzas da infancia, unha ruta en moto… Ollo Artlántico é un colectivo de fotografía constituído por fotógrafos e fotógrafas do eixe atlántico con actividade desde hai varios anos. A mostra amosa un total de 30 imaxes, en distntos formatos, dos sete autores deste colectivo.
“Desde o Goberno de Inés Rey seguimos a amosar o noso apoio ao sector artístico e cultural, promovendo mostras como esta e xornadas como Estudios Abertos, tamén con contido fotográfico, na que a cidadanía poderá coñecer de primeira man o traballo do colectivo artístico coruñés”, sinalou Gonzalo Castro.