O concelleiro delegado de Sanidade, Juan Luis Furones, asistiu onte a unha xuntanza da FEGAMP na que participaron os trece concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD), para tratar a situación da integración da rede galega de trastornos aditivos no Servizo Galego de Saúde.
Os trece concellos que contan con Unidades Municipais de Asistencia á Drogodependencia (UMAD) e a Federación Galega de Municipios e Provincias (FEGAMP) rexeitaron a proposta recibida dende a Xunta de Galicia para renovar o convenio dirixido a cubrir os custos deste servizo por parte destes concellos. “Non se está a cumplir o mandato do Parlamento de marzo de 2021, que asume que as competencias sanitarias son do SERGAS” engade Juan Luis Furones. “O financiamento das UMAD corre a cargo dos concellos, a pesar de que isto afecta a tódolos galegos. Deberiase devolver a asistencia sanitaria a quen ten a competencia transferida.” destaca.
Nesta xuntanza avaliouse negativamente a proposta recibida dende a Xunta de Galicia para o novo convenio, no que o importe contemplado no mesmo para a cobertura dos custos do servizo apenas supera os 4 millóns de euros anteriores, o que supón un grao do cobertura de aproximadamente o 70% do gasto total que supoñen as UMAD, que a propia Xunta de Galicia recoñece como competencia autonómica, pero que finalmente teñen que volver a ser os concellos os que garanten o servizo achegando recursos propios.
A proposta de novo convenio aínda empeora as condicións anteriores, xa que ademais de seguir sen cubrir o total do custo agora a Xunta de Galicia pretende diferir o pagamento en dous prazos condicionados. Isto supón que os trece concellos con UMAD non só terían que financiar boa parte dun servizo que é competencia autonómica, sino que tamén terían que esperar máis tempo e realizar dúas xustificacións para poder recibir a contía económica dende a Xunta de Galicia.
O presidente da FEGAMP, Albert Varela, considera que “esta situación é moi grave, polo que emprazamos ao novo goberno da Xunta de Galicia a cumprir cos compromisos adquiridos con urxencia para garantir a calidade do servizo que se presta”, e exixe “unha xuntanza co novo conselleiro de Sanidade en canto teña tomado posesión do seu cargo co fin de retomar a aplicación dos compromisos adquiridos no cronograma”