Saturday 16 de November de 2024

O Concello de Oroso convoca o Concurso de Máscaras de Entroido 2016


As máscaras deberán entregarse antes do 2 de febreiro no centro cultural de Sigüeiro

O Concello de Oroso vén de convocar o seu tradicional Concurso de Máscaras, que incluirá dúas categorías: infantil (para nenos e nenas entre 7 e 12 anos) e adultos (maiores de 13 anos). Unhas máscaras ou antefaces que deberán entregarse no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa antes do vindeiro 2 de febreiro.

Os participantes optarán a dous premios por categoría. No caso da categoría infantil, o gañador levará un vale regalo por valor de 70 euros en equip@t, mentres que o finalista será premiado cun vale por valor de 35 euros no mesmo establecemento. Na categoría de adultos, o primeiro clasificado recibirá unha tablet, mentres que o finalista gozará dunha cea para dúas persoas nun restaurante do municipio. Os premios serán entregados o sábado 6 de febreiro, ás 19:30 horas, durante o concurso de disfraces do Concello de Oroso.

Características das máscaras

As máscaras ou antefaces deberán ser de temática libre e elaboración propia, cunha base realizada con calquera derivado do papel e/ou con vendas de escaiola. Ademais, o seu tamaño deberá estar adaptado ao dunha cara humana, cubrindo completamente o rostro e pudendo sobresaír adornos e accesorios (cuxos materiais son de libre elección do/a participante). Non se aceptarán traballos que xa foran premiados noutros concursos.

Os participantes deberán presentar as súas máscaras e antefaces no Centro Cultural Fernando Casas e Novoa antes do 3 de febreiro. Xunto á súa creación deberán achegar un sobre pechado cunha fotografía da máscara, que levará no seu dorso o nome da obra, o nome do artista e unha frase que explique a idea que inspirou a obra. Máis información e bases na páxina web do Concello de Oroso: www.concellooroso.com.