• Visita teatralizada a través da historia do municipio completou o seu aforo de 22 persoas, mentres que case outra vintena quedaron en lista de espera
• Os roteiros polos cantís e as marismas achegáronse á vintena de inscricións finais, a maioría chegadas da provincia
O Concello de Ortigueira pechou a súa Semana Santa con “éxito” nas súas actividades turísticas. A Concellería de Turismo, da man da Oficina de Turismo, ofreceu tanto a veciños e veciñas como a visitantes a posibilidade de gozar de lecer natural e cultural o Xoves Santo, o Venres Santo e o sábado. E as propostas gratuítas recibiron unha boa acollida, xa que rexistrou grandes cifras de asistencia a pesar do mal tempo.
O Xoves Santo, o roteiro de sendeirismo guiada polos cantís de Loiba e Esteiro contou con 19 persoas apuntadas dun máximo de 25 prazas. As malas previsións meteorolóxicas provocaron que algunhas inscricións acabasen sendo baixa, mentres que outras se trasladaron ao evento do venres, no que o sendeirismo se desenvolveu a través das marismas de San Adrián. Esa segunda excursión contou finalmente con 17 persoas.
Por último, o sábado desenvolveuse a visita teatralizada ao caso antigo de Ortigueira, que contou con Suso Martínez como guía. A atractiva proposta fixo que rapidamente se cubrisen as 22 prazas ofertadas, ademais dunha nutrida lista de espera de 19 reservas máis.
Deste xeito, coa maioría de visitantes da provincia da Coruña, o municipio pechou unha boa Semana Santa en canto a acollida da oferta turística municipal a pesar do mal tempo. Agora, a área de Turismo traballa en seguir potenciando estas iniciativas para dar a coñecer o municipio e a súa contorna máis próxima non só en épocas de tempada alta, senón noutros períodos para desestacionalizar a chegada de viaxeiros e viaxeiras.