A lembranza, que coincide co 41º aniversario da instalación do monólito, será o sábado 5 de maio
O Concello de Paderne homenaxeará a figura de Francisco Vales Villamarín coa inauguración do renovado xardín-miradoiro que leva o nome do mestre e historiador betanceiro. Farao nu acto previsto para o sábado 5 de maio, ás 12:00 horas, que coincidirá co 41º aniversario da instalación da estatua que lembra ao betanceiro.
No espazo situado en Ponte do Porco levouse a cabo unha completa actuación que consistiu na limpeza e restauración do monólito, o reafirmado da superficie da praza, a colocación de valado e a instalación de bancos, ademais dun traballo para facer accesible a beirarrúa.
Aproveitando estes traballos, nos que se investiron 9.524,83 euros (sen contar impostos), o Concello de Paderne quere ofrecerlle unha merecida lembranza ao intelectual falecido en 1982 aos 91 anos. A este acto está convidada toda a veciñanza, ademais de personalidades institucionais.
Francisco Vales, cronista oficial de Betanzos e fundador do Anuario Brigantino, realizou numerosos traballos de investigación sobre a comarca brigantina e foi membro da Real Academia Galega e, entre moitísimos recoñecementos, recibiu o premio vitalicio da Fundación Pedro Barrié.