Saturday 16 de November de 2024

O Goberno galego destina 8 millóns de euros ao novo Plan de Vivenda Eficiente, que permitirá aforrar preto de 4 millóns de euros ao ano na factura enerxética das familias



Feijóo afirma que o novo Plan logrará que 3.500 fogares galegos paguen entre un 20 e un 50 por cento menos, segundo a tecnoloxía empregada

O presidente do Goberno galego, Alberto Núñez Feijóo, avanzou hoxe que o Goberno galego vai destinar 8 millóns de euros ao novo Plan de Vivenda Eficiente, que permitirá un aforro na factura enerxética das familias de 4 millóns ao ano.

Deste xeito, lograrase que 3.500 fogares galegos paguen entre un 20 e un 50 por cento menos, segundo a tecnoloxía empregada e mobilizaranse en torno a 20 millóns de euros de obra no seu conxunto.

Como sinalou o máximo responsable autonómico, este plan actúa sobre dúas áreas: a mellora das infraestruturas, para conseguir facelas máis eficientes, e o incentivo ao uso de fontes de enerxía renovables. En canto ao primeiro ámbito, Feijóo englobou as axudas para acondicionamento de fiestras, cubertas con tella e cubertas con lousa, así como a rehabilitación de fachadas con granito e a renovación de ascensores. No que atinxe ao segundo eido, destacou o impulso á xeotermia, á enerxía solar térmica e a aerotermia e á biomasa.

Por outra banda, ademais de alixeirar a factura eléctrica dos cidadáns e de evitar que se emitan á atmosfera máis de 15.500 toneladas de CO2 ao ano, o presidente do Goberno galego subliñou que con esta medida tamén se busca darlle un triplo impulso á industria, a base de estimular a innovación nas tecnoloxías vinculadas coas enerxías renovables; dinamizar o sector dos instaladores así como a industria da lousa, o granito e a tella; e incentivar a creación ou mantemento de emprego.

Deste xeito, o Goberno galego busca darlle continuidade a un plan que, na súa edición do ano pasado, cun investimento lixeiramente inferior, beneficiou a 3.566 familias.

O compromiso da Xunta coa eficiencia enerxética e o impulso das renovables
Esta iniciativa, como sinalou Feijóo, esta destinada a mellorar a eficiencia enerxética e a impulsar o uso das enerxías renovables nos fogares galegos, xa que o Goberno galego é consciente de que o prezo da enerxía resulta demasiado elevado para moitas familias e empresas neste momento de incipiente recuperación.

Neste senso, o titular da Xunta lembrou que xa se teñen implantando varias medidas desde o Executivo autonómico para reducir o importe da factura eléctrica, como son a Estratexia Integral de Impulso da Biomasa, con especial incidencia no mundo rural e que permitiu instalar máis de 2.000 equipos nos últimos dous anos; o tícket eléctrico social, que permite aforrar ata o 50 por cento do recibo eléctrico para os fogares de menos recursos; e medidas de urxencia para evitar os cortes do subministro eléctrico, que poderán solicitar aquelas familias cunha renda inferior ao Iprem.